• Segue conectado
  • |

Un total de 84 comercios participa en Pasearte, a primeira Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago

Santiago de Compostela |  Un total de 84 comercios participa en Pasearte, a primeira Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, presentada hoxe nunha rolda de prensa á que asistiron a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente da Fundación Santiago Centro, José María Fernández; o comisario e director da mostra, Javier Blanco; representantes das galerías de arte colaboradoras -Luisa Pita, Metro, Federica no era tonta e Trinta- e dos patrocinadores: Grupo Ulla, Quatrium Inmobiliaria e Taller de Marcos.

As obras, pertencentes ás coleccións das catro principais galerías da cidade, estarán expostas cara ao público nos establecementos durante toda a campaña de Nadal. A Fundación Santiago Centro, promotora da iniciativa, busca deste xeito converter as rúas da zona nova de Santiago nun museo e contribuír deste xeito a poñer en valor o comercio de proximidade.

O comisario da mostra cualificou Pasearte coma unha “acción cultural orixinal e extraordinaria que quere poñer en valor tanto o traballo das galerías como a importancia social do comercio de proximidade”. “Para galeristas e artistas –dixo- a montaxe supuxo “un reto moi enriquecedor, porque houbo que adaptar as obras para encaixalas nos escaparates”. É, para Blanco, unha ocasión “tanto para que os veciños e foráneos coñezan o que se fai no mundo da arte contemporánea como para que os profesionais da arte se acheguen á realidade”.

A concelleira Marta Lois afirmou que a mostra é “orixinal, sorprendente e necesaria, unha razón máis para que a xente de fóra se achegue a Santiago este Nadal. Pasearte demostra outra vez a musculatura emprendedora de Santiago Centro e do comercio de proximidade”.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo destacou o “elenco de artistas importantes e de diferentes xeracións” con que conta a mostra, “unha gran idea para divulgar a arte contemporánea nun momento no que os comercios se visitan moito”. “Pasearte vai ter a virtude de mover o ecosistema artístico e de sacar as galerías do seu territorio, polo que auguro que é unha cita que chega para quedar”.

José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, destacou o privilexio que é “contar con corenta artistas como Antonio Murado, Iván Prieto, Vari Caramés, Berta Cáccamo ou Vicente Prego” nos escaparates. “A singularidade de Pasearte –indicou- é que implica ao comercio de proximidade e así fai que a arte saia ao paso dos veciños mentres camiñan, charlan ou fan as súas compras de Nadal. Para isto, o Ensanche é o lugar ideal e estas datas o momento xusto”.

Pasearte conta co apoio das concellerías de Acción Cultural e de Comercio do Concello de Santiago; a Secretaría Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta; e co patrocinio de Grupo Ulla, Quatrium Inmobilaria e Taller de Marcos. As galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta traballaron, xunto co comisario da mostra, o xestor cultural Javier Blanco Lado, na integración coa decoración dos escaparates.

Actividades paralelas
A exposición esténdese pola maior parte das rúas do Ensanche, creando un continuo expositivo que permite aos visitantes gozar das creacións ao tempo que pasean pola zona. En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros, charlas e encontros abertos con artistas, que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e máis nas cafeterías Krystal e Lembranza; visitas guiadas; visitas escolares e accións artísticas en vivo que permitirán ao público compostelán pasear e gozar da arte nos seus escaparates. Para facilitar a visita, Santiago Centro editará uns mapas nos que se poden localizar os comercios e as obras que exhiben.

Publicado o 10 Dec 2017 en Axenda, Santiago de Compostela.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies