Telefonía, electricidade e servizos bancarios, as reclamacións dos usuarios da OMIC

A Oficina Municipal de Información ao consumidor de Ponteareas (OMIC) atendeu durante o período de novembro do 2010 a novembro do 2011, un total de 2.149 consultas das que un 85% realizáronse de xeito presencial nas propias dependencias da OMIC, un 11% a través do teléfono e o restante 4% a través do correo electrónico.
No que fai referencia ás reclamacións dos usuarios, segundo o informe de actividade presentado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor, tramitáronse un total de 215 das que resolvéronse 177 o que supón algo máis dun 82%, estando en trámite e pendentes de resolución un total de 38 reclamacións.
As reclamacións relativas a servizos de telefonía (115) son as que acapararon a meirande parte das tramitacións realizadas dende a OMIC, seguidas moi de lonxe polas reclamacións relativas a servizos eléctricos (19) e bancarios (15).
A concelleira delegada de Consumo, Marisol Valado Pérez, aseguraba estar “plenamente satisfeita da labor que realiza a OMIC na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Ponteareas” e nesa mesma quería agradecer o traballo realizado responsable da Oficina, a avogada Antonia Yanes Sobral “que cunha máis que contrastada profesionalidade responde a todas as dúbidas que os consumidores lle formulan e lles aconsella sobre os pasos que deben seguir na defensa dos seus intereses”.
Marisol Valado explicou que, amais , a OMIC elaborou un calendario informativo do 2011 e carpetas Consumo Ponteareas 2011; instalouse un posto de información sobre os dereitos do consumidor, na rúa Oriente, o día 15 de marzo, coincidindo co Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.
Para a titular da Concellería de Consumo, capítulo aparte merece a intensa campaña formativa e informativa que, sobre os dereitos dos consumidores, desenvolveuse no pasado 2011 nas parroquias ponteareáns e nos centros escolares.
As charlas nas parroquias, que xa se desenvolveron en Arcos, San Mateo, Prado, Moreira e Pías, “continuarán durante este 2012 ata abranguer a totalidade das parroquiais de Ponteareas para que, veciñas e veciños, saiban como funciona a OMIC, como lles pode axudar e como pode defender os seus dereitos como consumidores”.
No referente á formación nos centros escolares, Marisol Valado amosábase convencida de que inculcando dende os colexios, “os deberes e dereitos que os nenos e nenas teñen como consumidores, conseguiremos que, o día de mañá, poidamos contar cunha sociedade plenamente responsable en materia de consumo”.