Son os que gañan, sempre gañan. Nós sempre perdemos

Falo desde a miña autodeterminación, sen lle facer caso ás campañas nin aos medios de intervención social, eses que queren privarme precisamente da miña determinación. Sei que os que saian elixidos non van resolver os nosos problemas, sei tamén que son incapaces e que as solucións que propoñan serán suicidas porque aínda ninguén falou de que hai un outro mundo mellor e unha forma de facer as cousas sen pensar na cotización en bolsa, unha forma que atende primeiro ás persoas. Se fosen xenerosos e avanzados nas proclamas, se atenderan máis aos que teñen menos, se fixesen oídos do que din os que menos voz teñen… Mais todos eles seguen a falar dunha continuidade aforradora, ladrillos, produtividade. Veñen queimar “democraticamente” o que temos, insistir no mesmo dicindo o que é xa é vello e impedir, ao mesmo tempo, o novo. Máis leis, trampas, policía, control, contaminación, resignación, inspectores, menos respiración, mobilidade e mobilizacións, dereitos, decisións. Por riba coa nefasta maioría absoluta de sempre. Non respectarán a democracia porque non cren nela, nin as identidades porque van contra delas. Son todos os mesmos, tamén os dos pufos, mentiras, ocultacións, privatizacións, demagoxias, fraudes, abusos. Veñen creando costume e aínda máis dor, promovendo sentimentos de culpa en quen non a ten, poñéndonos de novo en mans dos especuladores e causantes neoliberais desta crise, de todas as crises, insultando a intelixencia e a arte, menoscabando a cultura e a educación, a sanidade e o amparo social. Imos -da súa man- ao precipicio dos sectores privados en temas de saúde e educación, cando estamos enfermos dos seus propios egoísmos e das malas prácticas, promocionando este capitalismo que mata a dignidade humana, a igualdade, a xustiza. Debera estar prohibida a maioría absoluta, permite o desmadre e chega a devastación de calquera esperanza. É a película que xa vimos outras veces para, logo, ampararse en trampas previstas, e enchernos de irresponsabilidades. Non garanten máis que o seu poder en beneficio propio. Venderon empresas de negocio público (Endesa, Telefónica, Iberdrola…) aos amigos, e saquearon as arcas do Estado, permitindo que evadiran os diñeiros en paraísos fiscais. Aplicarán axustes, sempre sobre os de abaixo,… E eu sempre lles teño medo, porque prevalecen desde unha lei electoral que nace inxusta e irrespetuosa coas minorías, promovendo un bipartidismo estúpido e inmobilizador que permite esta situación corrupta,e abondan nas exclusións, nas fragmentacións, nas desigualdades máis profundas. Non se dan conta de que seremos máis pobres e infelices todos. Aceptan listas cerradas e sen proporcionalidade nin pluralismo. Afogan as minorías e evitan a participación emprendedora, a de verdade, a que precisamente hoxe ten que marchar fóra gañar o pan que aquí non atopan. Fano desde a xordeira, sen mediación, sen debates, sen respecto a todos nós, oprimidos aínda polo centralismo estúpido no que nin nos recoñecen nin se recoñecen e, moito menos, estiman. Agora iremos en recesión e con turbulencias, con leis que constriñan e ameacen. De novo morte, cadea, tesoirazos, medo,… de novo marcha atrás. Manda carallo,… e no medio desta traxedia, semellan todos contentos! Eu prefiro outra vez evocar aquel Medulio que salvagarda a dignidade!

Mestre e músico.