Sobre un deus en azul.

III. O tal Schmitt

En varias entrevistas Casares afirmara que precisaba momentos, circunstancias, feitos, persoas que dalgunha forma coñecera para construír os seus relatos. Hai uns días comentamos o que nos dixera en referencia a Deus sentado nun sillón azul (Galaxia, 1996) e prometiamos volver sobre o personaxe inspirador, Carl Schmitt, a quen Casares tratara, aínda que pouco, e lle caía moi antipático.

Unha amiga pregúntanos como coñecía Casares o xurista alemán. Pois por dúas sinxelas razóns. Primeira porque o Kronjurits do III Reich, tras saír “ben parado” do xuízo de Nuremberg, reconverteuse en lexitimador-apoloxeta do franquismo e, en segundo lugar, porque a súa filla Ánima Schmitt casara cun profesor compostelán de Historia do Dereito, Alfonso Otero Varela, entre os universitarios da altura coñecido como Margarito. Tras os xuízos anti-nazis Schmitt foi expulsado da universidade e durante os anos cincuenta a presenza do xurista nas terras de A Maía foi constante ata o punto de que a versión en español das súas memorias da catividade (entre 1945-1947) Ex captivitate salus publicouse na libraría-editora compostelá Porto, en 1960, traducida pola súa filla e cun prólogo do propio autor asinado en Casalonga, á beira de Compostela, en 1958.

Será en Santiago onde entrará en contacto co tamén xurista, na altura catedrático na universidade compostelá, Álvaro D´Ors, un carlista tradicionalista sobre o que exercerá unha forte influencia. Máis será Manuel Fraga, director na altura do Instituto de Estudos Políticos, quen lle argallou a célebre conferencia tras o recoñecemento como membro de honra do amentado instituto, pronunciada na sede central madrileña do partido único “Movimiento Nacional” o 21 de marzo de 1962, e que Manolo Rivas re-novela no capitulo “Unha festa sagrada”, en Os libros arden mal (Xerais, 2006).

O 13 de xullo de 1934 Hitler, nun discurso radiado, xustificaba a matanza (sobre cen persoas) e a máis de mil detencións na chamada “Noite dos coitelos longos” dicindo: “Nesa hora eu era o responsábel da sorte da nación alemá, así que me convertín no xuíz supremo do pobo alemán”. Estaba a aplicar a teoría do Kronjurist Schmitt, do “decisionismo”, do exercicio da soberanía como a capacidade de decidir no estado de excepción, da competencia de suspender a constitución en caso de emerxencia, de conculcar as leis para salvar o ben común, de exercer a ditadura para librarnos do perigo, da ameaza, do caos.

Schmitt foi “xurista oficial” entre 1933 e 1936, xusto cando Hitler distinguiu, en aplicación das ideas schmittianas, quen era “amigo” e quen “inimigo” e converteu a inimizade no centro da acción política, da loita, da polémica, que exclúe toda caste de colaboración, de debate, de critica e de acordo, porque a guerra é a única verdade incontrovertíbel da realidade social. Hitler non só eliminou os seus contrincantes dentro do Partido Nazi, entre outros a Rohm o líder das SA, senón que aproveitou para desfacerse dos conservadores que lle deran o seu apoio como chanceler.

Escribiu Zweig no seu O mundo de ontem: “Hitler que, em si, era um pouco avesso as ideias alheias, possuía no entanto, desde o início, o instinto de se apropriar de tudo o que poderia vir a ser útil aos seus objetivos pessoais” e engadía: “A técnica utilizada pelo nacional-socialismo foi sempre a de conferir um fundamento ideológico e pseudomoral aos seus instintos claramente egoístas de poder”.

Na súa etapa compostelá Schmitt substituíra o caos da república de Weimar polo caos da II República e a orde imposta por Hitler pola acción salvadora de Franco, que aínda que máis humilde sobrevivía.

Este era o tal Schmitt. Para Casares, un ser inhumano que non podía ver reflectido en Risco.

Por certo tamén, previa peneira de Chantal Mouffe, algúns ditos da esquerda ándanse a propagar, mesmo portando os seus libros nun Congreso dos Deputados que aínda, por fortuna, non é o Reichtang de 1934. Tamén no parlamentiño do Hórreo, o presidente Feijoo recorre, con reiteración, a afirmar que o acto político por excelencia é a decisión. Lonxe quedan conceptos como convenio, concertación, lei, control do executivo, predominio do lexislativo…

Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.