“Seguir un partido de fútbol pola radio é máis emocionante porque se vive con máis paixón”

Marco Pereira | Creador de "Grandes voces do noso mundo"

Marco Pereira naceu en Xove (Lugo) de pais portugueses que se asentaron nesa vila do norte de Lugo. Desde neno tivo unha paixón, a radio, tanto foi así que en vez de seguir coas finanzas, estudos dos que fixo un ciclo superior, seguiu o seu instinto. Primeiro con pequenos programas para logo lanzar en Radio Burela “Grandes voces do noso mundo”, unha xanela á música da lusofonía. Este traballo xa lle valeu o premio “Estudante Galeguista do Ano”. Falamos con el no Burgo das Nacións, pois seguindo o seu amor pola radio, agora é estudante de Xornalismo.

-As túas orixes son portuguesas.
Si, de Cerva, no concello de Riba da Pena, en Vila Real, Tras-os-Montes. O primeiro en chegar foi meu pai no 1987. Polo que lles oín, moitos portugueses chegaron á Mariña para a corta da madeira. Ao meu pai saílle ese traballo e veu cuns amigos. A miña nai chegou un ano despois. Comezaron a facer vida aquí, de cando en vez ían a Portugal. Antes de vírense xuntos, casaron aló, pero os dous irmáns nacemos en Galicia.

-Desenvolvícheste cun ciclo superior en finanzas, pero parece que a túa vocación era a radio. Como naceu esa vocación?
Desde moi pequeno me gustou a radio por ser máis descritivo, non era tan abstracto como a televisión, a pesar dos diálogos. Seguir un partido de fútbol por radio e velo pola TV é máis emocionante para min, porque o viven con máis paixón.

-E así un día comezaches a locutar.
Si, porque cando comecei a estudar o bacharelato no Marqués de Sargadelos en San Cibrao, había unha cadeira que se chamaba TIC, Teconoloxías da Información e da Comunicación. Non era unha cadeira moi accesible, había partes que o programa non atendía ou abría e non se axeitaba ben. Entón, María Xosé Pardiñas, xefa de estudos do centro e que tamén impartía TIC, xunto con Cristina Ramudo, a miña profesora de apoio, como sabían que me gustaba a radio e facer un programa, propuxeron buscar información por Internet para habituarme a bucear na rede. Foise levando pouco a pouco cada aula. Cando xa tiñamos a información e as músicas levámalo a cabo. Só foi un programa, “Queda con nós” en Radio Burela.

-Logo comezaches con algo máis intenso, “Grandes voces do noso mundo”.
Ese programa naceu no 2016, pero en 2013 fixera un programa en Radio Valadouro, que é a emisora municipal de Ferreira do Valadouro, “Grandes voces”. A diferenza estaba en que era música moi coñecida e logo con información sobre cada artista. Cada programa era para un artista distinto. En 2015 volvín a Radio Burela con ese programa, pero meses despois, en 2016 comezamos con “Grandes voces do noso mundo”, xa con guión e máis elaborado.

-Cal é a base, a cerna deste programa?
O motivo é levar a nosa cultura, tanto galega como da diáspora, a todos os lugares onde chega o noso idioma. É un programa en dobre dirección, recibimos músicas da diáspora galega, no ámbito da lusofonía e nós enviamos a nosa música a todos eses lugares. Temos audiencia desde Brasil, Timor Leste, Mozambique ou Angola.

-Como se estableceu a reciprocidade co programa e quen constesta máis.
Todos en xeral responden por igual. Temos moito público no Brasil, que son os que máis poden interactuar con nós. Os demais tamén o fan, pero como desde Brasil se reemite na Radio Lusófona, axuda moito.

-Cales son ou serían para ti os grandes referentes en estilo para o teu programa?
Nós tentamos poñer todos os estilos posibles. Desde o máis tradicional ao máis contemporáneo. En Galicia faise moi boa música que non é só a tradicional e se cadra, non se lle dá a importancia que merece, pero para iso estamos nós como un altofalante para eles.

-Pero cal é o que máis che gusta?
Se cadra quedaría co pop, pero realmente gústanme os que tratamos. A música sexa cal sexa o estilo e cunha letra con sentimento, reivindicativa é bonita igual. A selección de música fágoa eu e tamén me axuda Bernardo e se hai novidades tamén as poño.

-Recebes moitas suxestións de Galicia e da lusofonía?
Sobre todo de Brasil, pero tamén de Cabo Verde, Mozambique e tamén Galicia, son os que lembro ter máis perto. Recomendo aos lectores de Portugal de Novas do Eixo que se poñan en contacto polo Facebook do programa.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.