• Segue conectado
  • |

A Rúa Rafael Tilve de Salceda recupérase para as persoas

Salceda de Caselas | . O Concello de Salceda de Caselas ten xa todo preparado para acometer unha nova humanización no seu casco urbano. Trátase, neste caso, da humanización do primeiro tramo da rúa Rafael Tilve Adrio ata o seu entronque coas rúas Compostela e Coruña. Ademáis o inicio da Rúa Coruña forma parte tamén do actual proxecto, ata a entrada do Parque Raíña Aragonta. Con esta obra búscase a reordenación do tráfico rodado e peonil, coa eliminación de barreiras arquitectónicas. Os peóns adquiren importancia e recuperan unha parte importante do viario, creando un espazo clave na esquina das rúas Compostela, Rafael Tilve Adrio e Coruña, que se tratarán con pavimentación diferenciada e que contará con mobiliario urbano, bancos, arborado, iluminación e xardinería axeitados. Así pois, créase unha praza que se tratará dunha zona de tráfico lento, que separa o peón do vehículo mediante xardineiras e mobiliario urbano. Ademáis aproveitarase a obra para renovar e mellorar as canalizacións de saneamento e pluviais, para o que xa se realizaron as comprobacións pertinentes por parte do Consorcio do Louro. O proxecto, por un valor de 196.308,14 €, está financiado dentro do Plan Concellos 2016 da Deputación Provincial de Pontevedra.

Esta mesma semana, o Alcalde e o equipo de Goberno presentaban a obra ante os veciños e veciñas e comercios da zona, co fin de mantelos informados en todo momento das fases da obra e das posibles variacións nos accesos, para garantir en todo momento o bo funcionamento tanto da obra como do día a día nas zonas afectadas.

O Concello de Salceda segue así coa liña iniciada no ano 2007, de recuperación dos espazos públicos para as persoas. Os vehículos pasan a convivir dun xeito amable cos peóns, pero estes gañan maiores espazos e maior comodidade á hora de desprazarse pola vila. Cabe lembrar tamén que o Concello de Salceda forma parte do proxecto denominado “A Cidade dos Nenos/as”, o cal fomenta proxectos deste tipo, con prioridade dos peóns sobre os vehículos, e coa creación de espazos de lecer tanto no casco urbano como nas parroquias.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Con esta obra damos un paso máis na Salceda pensada para a xente, que garanta os servizos, a accesibilidade, a mobilidade e a seguridade de todos e todas. Seguiremos a poñer todo o noso esforzo na recuperación da vila para as persoas, con especial coidado nos colectivos máis vulnerables como o da infancia, a terceira idade ou as persoas con discapacidade”.

Publicado o 20 Nov 2017 en Benestar Social, Salceda.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies