• Segue conectado
  • |

A RAG celebra o Día do Libro cunha mostra de títulos históricos de viaxes a Galicia

Os volumes que se amosan na biblioteca ata o vindeiro 28 de abril dan conta de viaxes realizadas desde o século XVI

A Coruña | A Real Academia Galega celebra o Día do Libro cunha ollada ao pasado a través da mostra que amosa na súa biblioteca libros históricos de viaxes a Galicia. A escolma, que pode verse ata o vindeiro 28 de abril, parte cronoloxicamente con Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias, volume editado en 1765 pero escrito polo autor na segunda metade do século XVI, e chega ata o século XX con títulos como os asinados polas viaxeiras anglosaxoas Annete Meakin, Catherine Gasquoine Hartley e Ruth Matilda Anderson. As persoas que visiten a mostra recibirán como obsequio o libro de Carlos Casares sobre outra escritora, Francisca Herrera Garrido, editado pola RAG en 1987 co gallo do Día das Letras Galegas que se lle dedicou ese ano.

RAG

 

A Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias é a obra que dá conta da viaxe de estudo que realizou o seu autor na segunda metade do século XVI por encargo do monarca para elaborar unha relación, tal como indica o subtítulo, das reliquias dos santos, os sepulcros reais e os libros manuscritos custodiados nas catedrais e nos mosteiros, parte deses cales foi xuntando para as coleccións reais do mosteiro Escorial.

  Os visitantes recibirán como obsequio o libro sobre Francisca Herrera Garrido que realizou Carlos Casares para a Academia en 1987

Xunto a este volume, poden verse, en edicións do século XX, dous títulos históricos de importancia fundamental para a lexicografía galega, Viaje a Galicia (1745) e Viaje a Galicia de Fray Martín Sarmiento (1754-1755), títulos que reflicten o interese de frei Martín Sarmiento, precursor da filoloxía románica moderna, pola propia lexicografía, a toponimia ou a botánica.

A mostra conta tamén coas obras sobre Galicia de tres mulleres pioneiras, todas elas viaxeiras anglosaxoas que viviron entre os séculos XIX e XX: Galicia: the Switzerland of Spain (Londres, 1909), da inglesa Annette M. B. Meakin; Spain revisited: A summer holiday in Galicia (Nova York, 1911), da tamén británica Catherine Gasquoine Hartley; e Gallegan province of Spain: Pontevedra and La Coruña (Nova York: 1939), da fotógrafa estadounidense da Hispanic Society of America Ruth Matilda Anderson, que percorreu Galicia nos anos vinte.

Entre os libros expostos, poden verse os das viaxeiras anglosaxoas Annette Meakin,. Catherine Gasquoine Hartley e Ruth Matilda Anderson

No seu retrato literario da “Suíza de España” -acompañado de 105 ilustracións e fotografías- Meakin, ademais de resumir a historia de Galicia e de describir distintas localidades e monumentos, dedícalle un capítulo completo a Rosalía de Castro, cuxo nome “é honrado en calquera lugar onde se poida atopar galegos”, di. Nestas páxinas verte ao inglés varios versos da autora fundacional das letras galegas contemporáneas malia soster que a poesía galega é intraducible: “Como de Vögue dixo dos poetas rusos, Les poetes Russes no sont et ne seront jamais traduits, o mesmo acontece coa poesía de Galicia. Tanto o ruso como o galego están cheos de doces e tenros e diminutivos intraducibles infinitamente musicais e vivamente expresivos. Cando intentamos interpretalos nunha lingua estranxeira a súa música morre e as súas almas evapóranse”. Catherine Gasquoine Hartley tamén fala de Rosalía como unha das “tres grandes mulleres galegas” xunto a Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán no capítulo titulado “Las gallegas: the women of Galicia”.

RAG

 

A corner of Spain (Londres, 1910), de Walter Wood; Northern Spain (Londres, 1906), escrito e ilustrado polo pintor Edgard T. A. Wigram; Impresiones de un viaje por Galicia (Vigo, 1910), de Mister Geissler; Por las Rías Bajas: (notas de viaje por Galicia), de Alfonso Pérez Nieva (A Coruña, 1900); La familia real en Galicia: 1900. Álbum-Recuerdo (Pontevedra, 1900) ou El viaje a Galicia de Urrabieta Vierge (1880) (Santiago, 1969), de Xosé Filgueira Valverde, son outras obras expostas na biblioteca. A mostra pode visitarse ata o vindeiro venres 28 de abril de 9:00 a 14:45 horas e, en horario de tarde, de luns a xoves, de 16:30 a 19:45 horas.

Publicado o 24 Abr 2017 en A Coruña, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies