• Segue conectado
  • |

Punto e aparte…

Dise que toda persoa debe saber cando ten que dar un xiro a súa vida. É habitual que nos deixemos levar pola inercia e sigamos un camiño que sabemos nos conduce a ningures, sen embargo seguimos como autómatas se cambiar de rumbo. Claro que tampouco se trata de estar dando tumbos sen ter unha polar face á que camiñar.

Eu, particularmente, levo un montón de anos seguindo unha pista que entendía era a correcta: coñecer, aprender, buscar para darlle un cambio a este Pais dos meus pecados e a min mesmo. Hoxe teño que declarar publicamente, sen que ningún alguacil me citara ao banco dos acusados, que seguía unha pista falsa. Os camiños polos que se nos permite circular non conducen a ningún sitio. Están deseñados de tal maneira que se volven sobre si mesmos. Son coma unha nora. Damos voltas e máis voltas para non chegar a ningún sitio.

Confeso que nos últimos 20 ou 30 anos da miña vida fun unha persoa cunhas inquedanzas pouco habituais en persoas que coma no meu caso procedían dun sustrato social máis ben baixo. Eu nacín nunha aldea aínda que na miña casa existiran libros nos anos 40. Iso marcaba certa diferenza co entorno pero non a suficiente para que un crío puidera dende pequeno ter acceso ao mundo, a ese mundo mítico que todo neno/a quere coñecer.

Superado ese hándicap con traballo, estudio e tesón, acadei unha formación que poderiamos cualificar de aceptable.Despois de facer unha carreira e ampliar estudios no que me foi posible, atopeime, nos últimos 30 anos en disposición de aportar algo a este mundo dominado polas elites e coas súas virtualidades reservadas só para uns cantos. Decidín facer algo. Saír ao mundo, dicir cousas, publicar xornais que puideran informar doutro xeito, con liberdade, con verdade, sen censuras. Eu mesmo me entreguei a ese labor en corpo e alma. Tiña que estar informado para poder informar. Dise que sen información non pode haber opinión. Certo. De que podemos falar se antes nos estamos informados do tema que pretendemos tratar?

Pero xa me cansei. Declárome vencido. Como aquela declaración tristemente histórica “vencidos y derrotados los últimos rebeldes (ou algo así), la guerra ha terminado”; lémbranse..?

Eu tamén fun derrotado. Cheguei a conclusión que a información que nos chega polas canlea habituais está contaminada. Só serve para alienarnos, drogarnos, intoxicar as nosas mentes, confundirnos. Teño, mellor dito, tiña a costume de ler tres ou catro xornais diariamente de maneira concienciuda, non véndolle os titulares e as páxinas de deportes, que iso ven sendo o habitual para unha inmensa maioría de lectores de prensa. Eu tragábame os xornais como vulgarmente se di de pé a pá. Inútil intento.cada dia funme decatando que todos estaban confabulados para levarnos ao mesmo destino: crer que os que nos gobernan son os mellores e que se preocupan pola nosa tranquilidade e benestar. Todo é falso.

Os medios de comunicación traballan, xa o teño escrito máis veces, “pro domo sua”, que dirían os clásicos. Son os grandes clubes financieiros quen marcan as directrices do que se di e de cómo debe dicirse. Sei que isto lle vai proer aos profesionais da información pero , sentíndoo moito, teño que dicirlles que eles/as saben que digo a verdade, aínda que esta sexa difícil de aceptar. As liñas editoriais dos medios sempre están na dirección que marca a banca, os lobbis, as grandes empresas, etc. Nunha palabra, o diñeiro. Crer nas avelaíñas preñadas pode ser moi romántico, pero é unha sinxela necidade.

Antes lía con fruición e interese todo tipo de artigos aínda aqueles que sabía ían por un camiño que eu nunca transitaría. Quería coñecer tamén como pensan os demais, os que non comulgan coas ideas que eu teño de cómo debe ser esta sociedade que vivimos e conformamos. Así o fixen durante un montón de anos. Hoxe digo “punto e aparte”. Xa non perdo o tempo nos xornais diarios que nos ofrecen as cafeterías, os bancos, as perruquerías. Agora bótolle unha ollada por enriba, leo os titulares e se hai algunha reportaxe interesante sobre algo histórico que non sexa de interese para o IBEX 35 aínda me para a lela. Agora voume limitar a ler aqueles medios que existen a marxe dos terratenentes; dos que aínda soportan información que non está comprada nin defende aos membros do Clube BILDERBERG . Acudo a xornais dixitais pouco coñecidos, mentres non sexan atacados polo virus do diñeiro. Revistas raras, caras pero con contidos diferentes. Xa non nos queda moitas fontes onde beber auga sen contaminar pero aínda quedan algunhas.

Veño comprobando nos últimos tempos como se lle declara a guerra informativa a persoas, organizacións políticas, plataformas cidadáns que loitan por un mundo mellor. Como se lles denigra, se minte descaradamente para presentar feitos como se foran verdades coa puños, etc. Xa non aguanto máis. A min xa non me rouban máis horas da vida. Decidín ir deixando pouco a pouco, non vai a ser que sufra unha crise de ansiedade por cambiar os meus costumes bruscamente. Agora digo “punto e aparte e letra maiúscula”, como cando facía indicacións aos meus alumnos á hora de escribir ao meu ditado.

Xa me sinto mellor e aínda apenas comecei o tratamento. Supoño que de agora en diante cada vez poderei desfrutar máis das miñas lecturas. Lecturas das que lles irei informando pero sempre tratando de que vostedes se decaten de que este virus que a min me atacou tamén lles atacou a vostedes aínda que non se teñan dado conta.

Sexan felices


Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»
Publicado o 20 Mar 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies