• Segue conectado
  • |

Promotores de novos proxectos empresariais remataron a súa formación en Celanova

Ourense | Celanova acolleu unha xornada de traballo na que se presentaron algúns dos dezanove novos proxectos empresariais que completaron o seu proceso de formación e asesoramento ao abeiro da primeira convocatoria do espazo coworking de Celanova, impulsado pola Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI) e que se desenvolveu desde o pasado mes de setembro. O director do Igape, Juan Cividanes, salientou durante a súa intervención que os emprendedores que veñen de rematar o seu paso por esta aceleradora poderán seguir contando cos servizos e instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá de novas empresas.

 

Os emprendedores que desenvolveron os seus proxectos no espazo coworking de Celanova escolleron para os seus negocios ámbitos como as TIC, os servizos tecnolóxicos –mediante o uso de drons, por exemplo– ou educativos, o turismo, a transformación de produtos agrícolas e gandeiros ou a organización de eventos. Os emprendedores seleccionados contaron con servizos de apoio personalizados para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas. Ata o próximo 10 de abril está aberto o prazo para a presentación de solicitudes dos que desexen participar na segunda convocatoria.

No marco deste proxecto, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, os emprendedores da comarca de Celanova seguirán dispoñendo de diferentes servizos de formación, asesoramento e aceleración de proxectos, así como de instrumentos de apoio para poñelos en marcha habilitados a través do Igape e Xesgalicia. O obxectivo fundamental das iniciativas de coworking é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o territorio, incrementando as probabilidades de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores, e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá. Hai espazos de emprendemento abertos tamén en Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Cabana de Bergantiños, Santiago e Xinzo de Limia. En cada unha destas sedes haberá outras tres edicións sucesivas que se desenvolverán durante 5 meses e que poderán acoller un máximo de 22 proxectos por cada sede e convocatoria.

Publicado o 22 Mar 2017 en Ourense.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies