• Segue conectado
  • |

Post-verdade e referéndum catalán.

Cadernos da viaxe.
Estoulles verdadeiramente desaquelado e confuso. Porque para boa parte da opinión publicada (tamén, malia que algo menos, na nosa Galicia) semella que querer pór as urnas para que o pobo catalán poida decidir o seu futuro constitúe un acto sedicioso ou golpista. Convocar un referéndum que queren máis do 70% dos cataláns logo de cinco anos tentando sen sorte un acordo bilateral co Estado para desenvolvelo semella que é negativo, como si votar fose espallar o andazo do évola.

No canto disto, que o Estado active o axuizamento e condena do anterior Presidente da Generalitat e de dous dos seus antigos conselleiros, que o Tribunal de Contas lles reclame máis de 5M€ ou que a Garda Civil impute altos cargos da Generalitat no decurso dun procedemento penal declarado secreto (como se investigasen unha perigosa banda internacional de delincuentes) vese por moitos destes opinadores como a demostración dun funcionamento normal do Estado de Dereito, Mais todos sabemos que o Goberno do Estado manexa a Fiscalía e que a súa independencia a respecto do “procès” catalán custoulles o posto a un Fiscal Xeral e a un Fiscal Superior de Catalunya. Velaí a manifestación do anterior Ministro do Interior conspirando co antigo Director da Oficina anti fraude de Catalunya: “la fiscalía te lo afina”, referíndose á preparación de dossiers mediáticos e ulteriores denuncias xudiciais sobre feitos falsos, como a imputación a respecto de Xavier Trías, anterior alcalde de Barcelona da titularidade dunha conta en Suiza cun saldo máximo de 12’9 M€.

O procès chegou a un ponto de non retorno. É un movemento social transversal, que vai dende a dereita até a extrema esquerda e que mesmo avanza entre os comúns de Ada Colau. Conta con maioría absoluta no Parlament e recibiu da metade do electorado un mandato moi concreto no senso de avanzar cara á soberanía de Catalunya. Para máis, conta cun Presidente e cun Goberno convencidos para avanzar e non recuar. Cumprirán algo máis ca denuncias penais para poder frear este proceso.

Claro é que fóra do Estado español o ambiente é distinto. Porque son moitos os que non entenden porque o Goberno do Estado non quere que os cataláns votan. E case ninguén entenderá a persecución penal española contra moitos políticos e patriotas cataláns só por facer posíbel que o pobo fale.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 1 Ago 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies