Ponteareas suspende o cobro das taxas e impostos municipais

A medida do Concello e do ORAL afecta, entre outros, ao recibo do lixo, imposto de vehículos e as taxas da Escola Infantil, Conservatorio e Escola de Música, mercado e terrazas O Concello analizará os casos nos que se aplicarán bonificacións e realizará un novo calendario de pago de taxas e impostos

Ponteareas | O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou hoxe algunhas medidas económicas e fiscais que o Concello implementará diante da crise do coronavirus e do seu impacto sobre as persoas en xeral e sobre autónomos, comercio local e empresas en particular.

Represas explicou que a prioridade agora é o frente sanitario “e niso estamos volcados no ámbito das competencias municipais. Pero non imos descoidar o impacto económico e por iso adoptamos xa diferentes medidas fiscais que se unen ás acordadas polo ORAL da Deputación”. O alcalde explica que o organismo provincial, como entidade xestora do cobro dunha parte das taxas e impostos municipais, xa prorrogou o pago dos recibos cuxo prazo de ingreso voluntario estaba aberto e remataba en abril, de maneira que se prolonga até dez días despois de que remate o estado de alarma. En canto ao resto de taxas e impostos que aínda non tiñan aberto o prazo para o pagamento, o ORAL decidíu suspender ese calendario e anunciou que se aprobará un novo nos dez días posteriores á finalización do estado de alarma con novos prazos. Esta suspensión afecta entre outras á taxa do lixo, imposto sobre vehículos, a venda ambulante ou aos postos do Mercado Municipal.

A esa suspensión únese a que agora acorda o Concello respecto ás taxas e impostos que recada directamente a administración municipal por ocupacións como as terrazas ou por servizos como a Escola Infantil, a Escola de Música ou o Conservatorio Municipal, aínda que boa parte do alumnado continua recibindo formación por medios telemáticos.

Ademais, os técnicos municipais co asesoramento do ORAL están a analizar a posibilidade de establecer e aplicar bonificacións en determinadas taxas e impostos sempre que a lexislación o permita, e atendendo ás circunstancias concretas que afectan ás persoas ou a actividades económicas.

Por último o alcalde anunciou a elaboración dun plan municipal de reactivación económica, dentro das competencias municipais, dirixido a dinamizar o comercio e o sector servizos local e incrementar o investimento para favorecer a creación de emprego. Represas sinalou que “se fará coa participación de todos os sectores e terá como obxectivo a reactivación económica da localidade unha vez se supere esta crise”.

Por outra banda, o Concello difundíu nos pasado días unha mensaxe audiovisual do Alcalde dirixida ao conxunto da poboación e distribuida a través da páxina web do concello, redes sociais e mensaxería electrónica, na que Represas informa das medidas adoptadas polo Concello en materia de limpeza e desinfección, a organización da atención cidadá nos servizos municipais e as medidas en materia de seguridade cidadán para asegurar o cumprimento das normas derivadas do estado de alarma.

Represas agradeceu o esforzo do conxunto do persoal municipal e especialmente a aqueles que como policía local, bombeiros, protección civil, persoal do centro de maiores ou de asistencia no fogar e de servizos sociais, así como o persoal de limpeza de edificios públicos, continua prestando o seu traballo nunha situación tan grave. Fixo extensivo tamén o seu agradecemento ao preto de cen voluntarios e voluntarias que se sumaron á iniciativa posta en marcha polo Concello para atender a persoas en situación de vulnerabilidade. Represas explicou ademais que o Concello segue aprobando e concedendo as axudas de emerxencia para persoas con especiais necesidades. Por último Xosé Represas fixo un chamamento a cumprir e atender as instrucións das autoridades sanitarias.