“Os partidos nacionalistas tradicionais están en franco devalo”

Pablo González Mariñas

Diante dos acontecementos que está a vivir o nacionalismo galego pensamos que seria interesante coñecer a opinión dun home que pasou por diversas etapas políticas dentro do nacionalismo, sobre todo, dese nacionalismo socialdemócrata galeguismo que algúns tratan de revivir nestes momentos. González Mariñas precede do partido PGI e pasa a formar parte de Coalición Galega, da que seria candidato á Xunta, anos oitenta. Máis tarde seria Conselleiro da Presidencia con González Laxe na Xunta (goberno tripartito). Finalmente rematou sendo deputado polo BNG onde nunca se atopou cómodo, tal como confesa na entrevista. Hoxe está, practicamente, apartado dos focos da política activa pero mantén un criterio serio e construtivo que entendemos é moi útil para estes momentos de confusión e falta de horizontes claros. Isto é o que deu de sí a entrevista que lle fixemos para apeneiradixital.com

-Imaxinábaste, cando “pariches” o PNG que ía estar tan enleado, algunha vez, no mundo nacionalista?
-O PNG foi un proxecto político necesario e moi ben aquelado. Necesario porque a deriva dunha parte importante de Coalición Galega cara ao PP non tiña sentido e só podía conducir a transformalo nun proxecto “vicarial”, sometido aos intereses da tradígrada dereita galega. E ben aquelado, porque se definía como un partido galeguista-nacionalista, de ampla base, inspirado polos principios do mellor humanismo democrático e decididamente socialdemócrata no económico. Cando o fundamos, nunca pensei que se enlearía con outros enfoques políticos de Galicia nun ha loita absurda máis alá da lexítima contenda eleitoral; mais ben, trazabamos un camiño de profunda transformación e progreso na defensa da personalidade de Galicia e do benestar dos galegos. É mais, penso que ese camiño está aínda por percorrer e que o PNG segue a ser unha plataforma fulcral para contrribuir a encarreirar o que está a asar no BNG; ten moito que dicir nesta odisea nacionalista galega que nunca acaba.

– Como viviches ti, particularmente, o tempo que formaches parte dos órganos do BNG? Tiveches conflictos serios con alguén? De que tipo foron?
-Eu nunca formei parte da estrutura ou o aparato orgánico do BNG, non ocupei cargo orgánico ningún, nin local, nin comarcal, nin nacional. E cando o fixen, dentro de Máis-Galiza, os directivos da formación anularon as eleccións da Coruña, que ao parecer non lles gustaron, e formaron unha xestora, da que inmediatamente dimitín, claro é.

Teño que dicir que, de deputado autonómico, a relación cos compañeiros parlamentarios foi absolutamente cordial, magnífica. Os problemas viñan da relación co aparato Rodriguez Viguri e coa Xunta, cos delegados das Consellarías. Para o aparato, os deputados eran un estorbo ou máis ben algo decorativo; case podería dicirse que participar no goberno mesmo era un estorbo para o aparato. A UPG é así, e hai que entendelo: non lles interesa gobernar. Esa é a raiz última do conflicto actual. Queren outra cousa. Iso é lexítimo pensalo, pero non axuda a sumar nin a transformar o país. Cando eu dixen nos xornais que había que facer de Máis Galiza un verdadeiro partido político, non unha mera “corrente” interna, todo o odio cerval de Bautista Álvarez bateu contra min en Terra e Tempo, alcumandome ofensivamente; eu nin contestei, simplemente dínme de baixa en Terra e Tempo; eu non quero conflictos que danen o nacionalismo.

-Estamos asistindo a un cambio total no mundo nacionalista. Que futuro lle auguras?
-Non sei se é certo que estamos a asisitir a un cambio total no mundo nacionalista. Dende logo é necesario ese cambio. Nun mundo globalizado e cunha profunda crise do modelo democrático tradicional (cabe dicir que de paulatina suplantación da democracia representativa por outros poderes fácticos, crípticos e non tan crípticos), as cousas ten que cambiar, hai que mudar estruturas, conceptos e estratexias. É, como sempre, cuestión de clarividencia e de intelixencia. Os partidos nacionalistas tradicionais están en franco devalo; os conceptos de nación, soberanía, autodeterminación, etc. están xa desgastados polo tempo, desvirtuados polas circunstancias actuais. Hai que reinterpretalos e explicalos moi ben á xente. Hoxe falase con naturalidade dun concepto “non nacionalista de nación”, de “soberanía compartida”, do “acabamento do Estado nación”, de “federalismo asimétrico”… non podemos seguir ancorados nos vellos conceptos dos séculos XIX e XX. Eso non sirve xa, e quen non o entenda está a facer simplemente onanismo político, nada interesante e útil para o país. Aínda que a él, persoalmente, lle dea moito gusto. Un novo nacionalismo, formulado dende bases reais e non dogmáticas, pero si conceptuais, é preciso, é necesario e urxente. Nese eu teño moita fe.

-Cres que Beiras, Aymerich, Noriega, Mosquera, Táboas e demais serán quen de conformar unha forza galeguista-nacionalista semellante ao PNG?
-Esa pregunta é de resposta case imposibel. Non o sei. A min paréceme todos os que citas está afastados nos propósitos: uns queren facer outra fronte (outro BNG, sen a UPG); outros queren facer outra cousa distinta, un verdadeiro partido político. ¿Serán funxíbeis?, non o sei. En calquera caso, deséxolles sorte, moita sorte, non a do paxariño, senón a da intelixencia e a xenerosidade.