• Segue conectado
  • |

O Festival de Cans marcou o seu récord histórico de público con 15.000 asistentes

A pre-estrea da película Eroski Paraíso recibiu a ovación do público na tarde do xoves no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño.

O Porriño | O Festival de Cans bateu na súa décimo sexta edición un novo e histórico récord de asistencia de público chegando ás 15.000 persoas durante os seus catro días de duración. Animado polo bo tempo que houbo na fin de semana, o público, diverso e interxeracional como en edicións anteriores, esgotou todas as sesións con entradas á venda, tanto das seccións a concurso como das actividades e das sesións paralelas. Seccións como FuraCans ou o Jalpón dos Oscar venderon todas as localidades días antes do comezo do festival. O sábado, o posto central da Asociación Arela vendera xa a primeira hora da tarde todas as entradas dispoñibles e esgotou ao final do día o merchandising propio do festival.

O coloquio con Rodrigo Sorogoyen, ao que se sumaron por sorpresa o actor Luís Zahera e a cantante e actriz Leonor Watling, foi un dos grandes momentos do festival.

Ademais de coroar a novas e novos curtametraxistas que viviron emocións fortes e nervios na entrega de premios, a XVI edición do Festival de Cans deixou numerosos momentos máxicos. Ao coloquio matinal no Espazo Estrella Galicia co director Rodrigo Sorogoyen sumáronse por sorpresa o actor Luis Zahera e Leonor Watling, congregando a preto de 400 persoas na Leira da señora Alicia. Outro dos instantes especiais foi a aparición no escenario de Iván Ferreiro para acompañar a Wyoming y Los Insolventes nun Torreiro desbordado polo público.

A aparición no escenario de Iván Ferreiro para acompañar no palco ao Gran Wyoming provocou o delirio do público que asistía ao concerto no Torreiro de Cans.

Previamente, a colocación da estrela do Gran Wyoming no Torreiro fora xa un dos momentos estelares do festival. Máis de mil persoas aclamaron ao showman e actor ao berro de “Presidente, Presidente” mentres este facía un monólogo improvisado entre o numeroso público. Wyoming colocou a súa estrela xusto antes do concerto de Dakidarría, o máis multitudinario dos celebrados en sesión de tarde en toda a historia do festival. Ademais de membros do xurado, curtametraxistas, músicos e as persoas homenaxeadas deste ano, deixáronse ver por Cans un bo número de profesionais do audiovisual e actores e actrices moi populares que se mesturaron entre o público do festival como Tamar Novas, Marta Nieto, Xosé Antonio Touriñán, Ledicia Sola ou Julia Juániz, montadora habitual das películas de Carlos Saura ou Víctor Erice.

Aínda que o festival acolleu o maior número de público o sábado, con cerca de 9.000 persoas ao longo de todo o día, tamén obtivo unha gran afluencia nos días previos na súa aposta por reforzar a súa programación entre semana. Os coloquios e as actividades matinais do mércores e o xoves estiveron cheas polas visitas de centros educativos e público xeral que se achegou a Cans. As actividades programadas no centro do Porriño o xoves pola tarde tamén atraeron a numerosas persoas, que gozaron do concurso de pintura rápida “Pintar o cine”, o showcooking Estrella Galicia de tapas de cine con Pablo Pizarro ou a nova sección de libros LendoCine, que tivo unha gran aceptación na súa primeira vez que se celebrou. O Círculo Recreativo e Cultural do Porriño acolleu tamén o xoves a pre-estrea de Eroski Paraíso, cunha sala repleta de público que regalou ao equipo da película unha das maiores ovacións da historia do certame. Ademais, calcúlase que máis de 2.000 persoas -sobre todo rapazas e rapaces- pasaron polo Parque do Río entre venres e sábado, consolidando definitivamente o espazo familiar Minicans.

No apartado musical, a actuación de Marlango na tarde do venres despachou en apenas uns minutos as 500 pulseiras previstas para acceder ao recinto. Outro dos grandes momentos foi a presenza en Cans de Paulo Furtado para a presentación do seu filme Fade Into Nothing e o concerto posterior de The Legendary Tigerman no que fixo vibrar ao público co seu directo apoteósico. Do mesmo xeito, o Invernadoiro e o Cuberto de Mucha do Peso consagráronse este ano como un dos espazos máis celebrados polo público, que gozou coas actuacións de Budiño e co novo espectáculo de Antón Reixa, Melancoholemia, que levantou unha enorme expectación e non defraudou ao público presente.

Entres os coloquios cómpre salientar os da Fundación AISGE, especialmente o dedicado aos vinte anos da serie Mareas Vivas, que contou coa presenza de Miguel de Lira, Camila Bossa, Isabel Blanco e Víctor Mosqueira. Un encontro no que, por primeira vez nun coloquio matinal, o numeroso público non puido acceder ao Baixo do Moncho por falta de espazo. En definitiva, a XVI edición do Festival de Cans converteuse na máis completa en contidos e na máis concorrida na historia do festival, superando os 13.000 espectadores do ano 2017, a cifra máis alta á que tiña chegado o festival ata o de agora.

Publicado o 29 Mai 2019 en Cultura, O Porriño, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies