O Concello de Ponteareas apoia á protectora de animais Os Biosbardos con 5.000 euros

Alcalde e asociación asinaron o convenio do ano 2020 trala aprobación dos presupostos. Represas fai un chamamento a reforzar o apoio á protectora coa colaboración cidadá

Ponteareas | Os orzamentos do Concello de Ponteareas, que entraron en vigor o pasado mes de marzo recollen unha partida de 5.000 euros destinada á protectora de animais de compaña “Os Biosbardos”. É o segundo ano que se dá este apoio económico á protectora e a intención do goberno, segundo explicou o Alcalde Xosé Represas, é
mantela nos vindeiros anos.

Para poder facer efectivo nas vindeiras semanas o pagamento desa cantidade asignada, os responsabeis da protectora e o alcalde asinaron o correspondente convenio. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, lembra que “a Asociación Protectora Os Biosbardos de Ponteareas realiza unha labor de asistencia e de acollemento de animais abandonados, en concreto cans e gatos, e conta con persoal voluntario para desenvolver a súa actividade de protección e defensa dos animais”. O alcalde fixo un recoñecemento especial ao “intenso labor de toda a asociación e, en especial, ao voluntariado e ás persoas con responsabilidades directivas” que ven garantindo desde hai anos un axeitado coidado e atención dos animais abandonados.

Os Biosbardos dispensa os coidados necesarios e encárgase dos animais mentres non son adoptados, unha labor que só é posíbel grazas a dedicación do seu voluntariado, socios e socias e doazóns de particulares. Neste sentido, Represas advertíu que “ninguén pode pensar que a nosa aportación é dabondo para atender todas as necesidades da protectora, por iso fago un chamamento á veciñanza a continuar e intensificar as súas achegas económicas para reforzar o apoio que esta asociación precisa”. Nas últimas semanas Os Biosbardos advertíu das dificultades que conlevará a imposibilidade de instalar durante o estado de alarma o posto informativo e de venda de materiais cos que financiaba parte da súa actividade.