“O club da calceta”, de María Reimóndez (Xerais, 2006)

Este mes acollemos neste espazo un dos libros dunha autora que está de actualidade. María Reimóndez participará o día 10 de novembro nunha mesa redonda en Italia onde sentarán escritoras de diferentes literaturas europeas. Trátase dun dato moi positivo nese camiño cara á difusión no exterior dos artistas galegos porque, calidade, habela haina. Aínda que a última novela publicada por esta autora, Piratas (Xerais: 2009) tamén merecería un comentario, voume referir a O club da calceta por ser esta a obra que está traducida ao italiano, polo éxito que alcanzou ata dar lugar a unha representación teatral a mans da compañía “Teatro do Morcego”, e por asentar nas nosas letras a modalidade de narrativa feminista. A novela presenta a un grupo de mulleres moi dispares, dende unha profesora universitaria ata unha prostituta que desexa ser escritora, entre outras, que se coñecen mentres asisten a un curso de calceta. Alí van tecendo os relatos das súas historias e a solidariedade coas compañeiras ao tomaren conciencia das inxustizas sufridas polo simple feito de ser mulleres. De xeito paralelo, desenvólvese outro fío argumental: a morte violenta dalgúns homes da que temos noticia a través da reprodución das noticias que aparecen nos xornais. Este punto alporizou a parte do lectorado masculino que non debeu ver a ironía e a subversión dalgúns tópicos da novela negra ou, en definitiva, que non aceptou o pacto de ficcionalidade necesario para adentrarse nunha obra literaria. Porque, se o protagonista fose un asasino obsesionado con matar a enfermeiras louras, comprenderiamos unha reacción airada por parte deste colectivo?

María Reimóndez

Esta pregunta condúcenos á cuestión da cooperación por parte do lector. Malia ser unha novela de tese onde as conclusións ás que se procura que chegue o receptor son bastante obvias, a autora intenta que colabore ao establecer relacións entre as distintas tramas ofrecidas. Desta maneira descarga parte da súa responsabilidade mentres apela á reflexión.

Intriga, fantasía, análise social e vocación reivindicativa; estes son algunhas das las que compoñen unha novela de lectura obrigada para comprendermos unha das vetas literarias que de forma orixinal están a renovar o discurso narrativo galego.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.