O alcalde reivindica que a inclusión da conexión ferroviaria a Punta Langosteira quede garantida no plan do Corredor Atlántico

“Até que non se despexen as incógnitas sobre a previsión de dotación orzamentaria para o Porto Exterior non poderemos cualificar como positivo o plan presentado esta semana por Fomento”, comentou

A Coruña | O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reivindicou esta mañá a necesidade de que a conexión ferroviaria con Punta Langosteira figure garantida expresamente tanto no Plan Director do Corredor Atlántico, presentado de forma pública esta semana, como no plan de investimentos de Puertos del Estado. “O porto exterior é clave para A Coruña e para a súa área metropolitana que son, ao cabo, o pulmón económico de Galicia. Un pulmón, por certo, que ademais de producir riqueza e emprego, debería tamén ser escoitado á hora de planificar este tipo de infraestruturas, que tamén son necesarias para a mellora do corredor cantábrico entre A
Coruña, Ferrol, Xixón, Euskadi e Francia”, dixo.

O goberno local tramitou nos últimos 15 días 186 títulos habilitantes de carácter urbanístico, entre os que se topan 33 licenzas, 76 comunicacións previas ao inicio de obras e 49 previas ao inicio de actividade

O rexedor manifestou que os anuncios realizados esta semana polo ministro de Fomento a respecto do Corredor Atlántico “aínda presentan distintas dúbidas que será necesario que se resolvan”. “Efectivamente, é positivo no que atinxe ao recoñecemento da importancia do eixo A Coruña-Vigo, pero dende logo, é mellorable en moitos aspectos. Ademais da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, destaca tamén o feito de que a liña Vigo-Porto non estea incluída na rede básica, tal e como propuxo o Parlamento europeo, tendo en conta que se trata dunha conexión moi necesaria para que Galicia gañe peso e competitividade no contexto da futura macrorrexión urbana atlántica”, apuntou o primeiro edil en rolda de prensa.

Ferreiro reiterou que, “a día de hoxe, non existe nin previsión nin dotación orzamentaria para o tren a Langosteira; non sabemos cal é a previsión do goberno do Estado ao respecto e se xa ten algo avanzado con ADIF e tamén descoñecemos se o executivo estatal ten previsto solicitar financiamento á UE”. “Até que non se despexen estas incógnitas, non podemos cualificar como positivo o Plan Director do Corredor Atlántico”, indicou. “Galicia e A Coruña non poden volver perder. O Corredor Atlántico é un asunto esencial para a conectividade e para o desenvolvemento das cidade. Non ten sentido construír un porto exterior que non estea comunicado por ferrocarril, como tampouco ten sentido deixar sen infraestruturas un eixe portuario como o noso, con dous
portos de interese xeral na Coruña e Ferrol a moi pouca distancia”, evidenciou.

Xunta de goberno local
Por outro lado, o alcalde tamén deu conta de asuntos aprobados na Xunta de goberno local (XGL) celebrada hoxe. Así salientou que, como vén sendo habitual na reunión de goberno, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, deu conta das licenzas e outros títulos habilitantes menores a 1,2 millóns de euros tramitados polo seu departamento nos últimos 15 días. Así, entre o 5 e o 18 de febreiro 186 títulos habilitantes de carácter urbanístico. Entre os mesmos atópanse, 33 licenzas urbanísticas, 76 comunicacións previas ao inicio de obras, 49 comunicacións previas ao inicio de actividade e 12 declaracións responsables.

Ao fío destas cifras, o rexedor recordou que na XGL extraordinaria de onte se deu luz verde á convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva das subvencións ás obras de rehabilitación nas denominadas ARI do grupo de vivendas María Pita, en Labañou, do ARI do Ventorrillo- Katanga e do ARI da Cidade Vella e Pescaría. Para esta anualidade, o Concello dispón dunha inversión total de algo máis de 500.000 euros (uns 200.000 para o Ventorrillo, outro tanto para Labañou e preto de 100.000 para Cidade Vella). “Temos que destacar que este será o
primeiro ano que os e as residentes da zona das denominadas Casas de Franco ou as vivendas de María Pita poderán solicitar axudas públicas para mellorar o estado dos seus inmobles. No caso da veciñanza propietaria de inmobles en Cidade Vella e Pescaría, trátase xa da oitava fase do plan de rehabilitación”, subliñou.

Patrimonio
Por outro lado, e a preguntas da prensa, o alcalde reiterou a pretensión do goberno local de recorrer a sentenza do xulgado do contencioso da Coruña que declarou concedida a licenza de demolición do antigo edificio da Citroën, na avenida de Oza, “en consonancia co proceso iniciado polo executivo municipal para incorporar o inmoble ao catálogo de protección da cidade”. Ferreiro recordou que o goberno local do PP lle retirou a este edificio a catalogación que se lle atribuía no documento de aprobación inicial do PXOM de 2013, en contra do criterio do equipo redactor do plan de ordenación e en base a unha alegación dos propietarios do inmoble. “O obxectivo deste
goberno é outorgarlle a este inmoble, parte da memoria industrial da cidade, o estatus de edificio catalogado, que evitará a súa desaparición”, dixo, á vez que lamentou “o empeño que está a amosar o Partido Popular, coas súas campañas para frear a aprobación do catálogo de edificios protexidos, en desprotexer o patrimonio da cidade en favor da especulación”.