O alcalde e o conselleiro de Sanidade analizan a futura ampliación do CHUS

Santiago de Compostela | O alcalde mantivo unha reunión co conselleiro de Sanidade, na que abordaron as actuacións derivadas da construción da nova Facultade de Medicina e Odontoloxía. Martiño Noriega mostroulle a Jesús Vázquez Almuíña a disposición do Concello a colaborar no que sexa necesario durante a ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e a reordenación do Hospital de Conxo e do Gil Casares.

Na xuntanza o alcalde e o conselleiro de Sanidade falaron da necesidade de planificar conxuntamente a mellor accesibilidade á zona hospitalaria, e analizaron as posibles opcións de aparcadoiros no ámbito do CHUS, que serán contempladas no planeamento urbanístico do Concello.

Antes de licitar o proxecto, vaise redactar un plan sectorial para analizar a zona, desde o punto de vista da edificabilidade, a urbanización e o tráfico. En paralelo, a Xunta traballará para sacar a concurso a obra da Facultade de Medicina. A remodelación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago afectaralle a unha superficie duns 15.000 metros cadrados, e a Xunta prevé destinar a esta actuación uns 20 millóns de euros.