Mos reparte en día e medio 900 mascarillas e 3.500 luvas entre quen máis os necesita

O material aportárono a Xunta e tres empresarios mosenses

Mos | Onte pola tarde comezou o reparto de material sanitario de protección (luvas e mascarillas) doado pola Xunta de Galicia e tres empresarios de Mos: Pablo Alonso Serodio, Camilo Grandal e Manuel Ferreira.
Durante todo o día de hoxe continuarán os labores de distribución deste material que quedará entregado entre esta tarde e mañá.

Recibírono traballadores municipais e das empresas concesionarias do Concello, residencias, Centro de Saúde e 60 establecementos que prestan atención ao público

En total cóntase nos almacéns municipais para o seu reparto entre quen máis o necesita con 900 mascarillas e 3.500 luvas, que están a ser repartidas polos/as traballadores/as do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos e polos Voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil de Mos.

O reparto realízase entre traballadores municipais, persoal das empresas concesionarias que prestan servizos do Concello, residencias de maiores do municipio, Centro de Saúde, Escravas da Virxe Dolorosa e uns 60 negocios locais que prestan servizos de primeira necesidade con atención ao público (alimentación, farmacias, estancos…).
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo “agradecer enormemente tanto tanto ós/ás que nos facilitaron o material como ós/ás que o recibiron, aos primeiros/as pola xenerosidade nestes momentos de crise e ós/ás segundos/as por seguir a traballar a pesar das circuntancias, primando o ben común ao interese propio”.

Nestes intres o material sanitario de protección, produtos como luvas e mascarillas, trátanse de elementos vitais para dotar ao persoal máis exposto ao virus durante a súa xornada laboral como son as os/as traballadores/as do Servizo de Axuda no Fogar, os/as axentes da Policía Local de Mos, Servizo Municipal de Emerxencias, voluntarios/as da Agrupación de Protección Civil, persoal de limpeza… etc.

E tamén para os profesionais mosenses que están a prestar servizos de primeira necesidade e traballando cara ao público (alimentación, panaderías, farmacias, estancos…) e están a sufrir a carencia destes elementos de protección.

Trátase, en definitiva, dun material vital e imprescindible nestes días.