• Segue conectado
  • |

Montserrat Pena Presas fai un percorrido pola Literatura infantil y xuvenil galega na Casa de Galicia en Madrid

A profesora coruñesa ofreceu a conferencia “Soñar para nenas e mozos en galego: os libros que marcaron o Camiño”

Pena, Jiménez e Pichel, co público

Pena, Jiménez e Pichel, co público

Madrid | A profesora do Departamento de Didáctica da Lingua e das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago de Compostela e crítica literaria Monserrat Pena Presas ofreceu hoxe na Delegación da Xunta de Galicia-Casa de Galicia en Madrid a conferencia-coloquio “Soñar para nenas e mozos en galego: os libros que marcaron o Camiño”, na que fixo un percorrido polas diferentes etapas polas que pasou a Literatura Infantil e Xuvenil galega (LIX, na súa sigla en galego). Entre o público asistente había numerosos alumnos de galego da Universidade Complutense de Madrid, o Espazo das Linguas Ibéricas e a Escola Oficial de Idiomas.

Pena Presas estivo acompañada na mesa polo profesor de galego da Universidade Complutense e investigador da Universidade de Santiago de Compostela Ricardo Pichel Gotérrez, que fixo a súa presentación, e polo coordinador de Actividades da Casa de Galicia, Ramón Jiménez, quen adiantou que a conferencia consistiría nun percorrido pola literatura infantil e xuvenil galega dende a súa consolidación como xénero ata os nosos días.

Nese percorrido, a conferenciante detallou as diferentes etapas polas que pasou a Literatura Infantil e Xuvenil galega: dende o momento en que se publica “Margarida a do sorriso de auroa” (1927) de Evaristo Correo Calderón, pasando polos primeiros pasos formais para crear unha LIX en galego (por iniciativa de Xosé Neira Vilas, que en carta a Francisco Fernández del Riego lle fala da necesidade de que o grupo Galaxia se ocupe desa cuestión) que asentarían o incipiente campo literario a partir do inaugural “Memorias dun neno labrego”, deténdose “no importante momento en que o galego é incorporado como materia de ensino, o que dá lugar a unha importantísima nómina de autoras e autores saídos maioritariamente do ensino (Cuncha Branco, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, X. P. Docampo…)” sen esquecer o momento de consolidación, que situou en 1985, cando “Das cousas de Ramón Lamote”, de Paco Martín, gañou o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil, “o que supuxo un fito na historia das nosas letras”.

Tampouco minimizou o tempo da ilustración, “que é tamén o da visibilización internacional (en 1999 Óscar Villán con “O coelliño branco”, Premio ás Mellores Ilustracións de Libro Infantil do Ministerio de Cultura), en que a LIX galega comeza tamén a resaltar pola calidade das súas edicións, dos seus ilustradores e ilustradoras”.

Partindo dalgúns dos libros que foron marcando cada unha destas etapas, a conferenciante ofreceu un paseo lúdico pola historia da LIX galega, un campo literario do que afirmou que “se ben foi considerado menor ata escasos anos, está a soster os sistemas literarios peninsulares. Obras de Neira Vilas, Carlos Casares, Xohana Torres, Manuel María, María Xosé Queizán, Paco Martín, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo, Marilar Aleixandre, Xosé Ballesteros e Xerardo Quintiá, entre outras, citáronse como exemplo de literatura que naceu vinculada ao ensino e que comezou a voar por si mesma. “Tanto, e tan alto, que a ´literatura para adultos´ mira para ela. Porque a LIX galega partiu dun sono e segue soñando na actualidade”.

Monserrat Pena Presas (Sada, A Coruña) é licenciada en Filoloxía Galega e diplomada en Estudos Avanzados en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Edición pola Universiad de Salamanca. Foi profesora de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Bangor, Gales, e investigadora contratada na Universidade de Santiago de Compostela, onde está a realizar o doutorado sobre estudos de xénero e literatura xuvenil galega e traballa como profesora interina no Departamento de Didáctica da Lingua e das Ciencias Sociais. Está especializada en literatura galega contemporánea e, máis en concreto, no ámbito da literatura infantil e xuvenil.

Publicado o 15 Xan 2014 en Aldea Global, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies