Mellora no sistema de recollida de lixo en Salceda

A mellora nos servizos de reciclaxe e recollida do lixo súmase ao proxecto de compostaxe que se está a desenrolar no casco urbano do municipio

Salceda de Caselas | O Concello de Salceda está a proceder nestes días á reorganización das zonas de colectores do lixo, agrupando os diferentes colectores en “illas de reciclaxe”, nas cabeceiras de cada rúa e nos puntos máis acaídos para elo.

O obxectivo é a eliminación de contedores dispersos, ganando en eficiencia no momento da recollida do lixo, así como na ordenación do casco urbano. Por outra banda, o feito de ter zonas delimitadas e sinalizadas para os contedores evita as contínuas incidencias de cambio de lugar dos mesmos, producidas na maioría dos casos para estacionar correctamente os vehículos. Así mesmo, o reagrupamento busca mellorar a seguridade viaria, coa colocación dos contedores en lugares nos que non resten visibilidade, nin supoñan problema algún para a circulación de vehículos nin para a seguridade dos peóns.

A mellora nos servizos de reciclaxe e recollida do lixo súmase ao proxecto de compostaxe que se está a desenrolar no casco urbano do municipio, e que pon a Salceda na cabeza de toda a provincia no que a este tema se refire. Co crecente uso dos diferentes contedores de compostaxe por parte da veciñanza, vense a notar un descenso no uso do contedor de lixo orgánico en todo o casco urbano, o cal facilita agora o traballo de reorganización de todo o sistema de recollida do lixo, que se ve notablemente mellorado coa creación das “illas de reciclaxe” que se está a levar a cabo nestes días.