Mario Regueira, “Outono aquí” (Sotelo Blanco, 2012).

“Outono aquí” de Mario Regueira | Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2011

A editorial Sotelo Blanco ultimamente non se prodiga demasiado en ofrecernos novidades narrativas. Por iso é de agradecer a súa fidelidade a publicar os textos galardonados cada ano no Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta que convoca o Concello do Grove. No 2011 o premiado foi Mario Regueiro, autor novo en idade, aínda que xa cunha traxectoria tanto como autor de ficción como de ensaio. E iso nótase.

Outono aquí constrúese coa materia prima do contraste. A tensión entre dous polos percíbese nos espazos, o da cidade de Gante por un lado, e o das periferias das urbes galegas ou a aldea, por outro; na dimensión temporal ao interactuar pasado e presente; nas voces narrativas pertencentes a diferentes personaxes; nas temáticas que opoñen o éxito profesional e social ao fracaso; e mesmo no protagonismo que se repartiría entre dous irmáns que, tras un longo tempo separados por unha mentira, se cadra necesaria, xúntanse para refundar a súa identidade. Mentres recompoñen a súa relación, nos meses previos á morte dun deles, intercálanse algúns episodios borrosos da infancia de ambos que, a medida que avanzan as páxinas, van perfilándose con maior claridade ata que chegamos á verdade brutal do final. A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor.

O recurso á bipolarización faise case irremediable. A perspectiva única non é o instrumento máis axeitado para apreixar a realidade, sobre todo cando resulta tan polémica e violenta como a que aquí se relata. Tampouco a mirada en curto. Faise necesario poñer distancia para tentar comprender unha terra e saldar contas co pasado. Neste sentido a novela que nos ocupa insírese no nutrido grupo de narracións galegas que tentan abrir as fronteiras a un mundo, guste ou non, cada vez máis global. Quizais esta é a única forma xa de achegarnos á Galicia máis tradicional. Quizais é tamén a única forma de achegarnos aos dramas persoais.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.