Máis Galicia, máis Europa.

Despois de que España asinase en Estrasburgo, en 1992, a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, o Tratado internacional foi ratificado en 2011. Desde entón, a cada pouco, un Comité de Expertos encárgase de facer un seguimento do seu cumprimento. Tal comité é un instrumento deseñado para protexer e promover as linguas, e para axudar a crear as condicións idóneas que lles permitan aos falantes desas linguas (40 millóns) usalas na súa vida pública e privada.

A Carta é tallante ao recoñecer que o dereito de practicar unha lingua rexional ou minoritaria na vida pública constitúe un dereito imprescriptible, conforme aos principios contidos en varios instrumentos xurídicos do dereito internacional.

“As Partes -di o Tratado subscrito por España-, comprométense a eliminar toda exclusión ou restrición inxustificada verbo da utilización dunha lingua rexional”.

O artigo 13 –“Vida económina e social”- insta aos estados asinantes, a excluíren da súa lexislación toda disposición que prohíba ou limite sen razóns xustificables o emprego de linguas rexionais ou minoritarias nos documentos relativos á vida económica ou social e, en particular, nos contratos de traballo e nos documentos técnicos, tales como os medios de emprego de produtos ou de servizos.

Sen embargo, as prácticas dos órganos de xestión da Unión Europea non están en consonancia coa letra da Carta. Poñamos varios exemplos para demostrarmos que unha cousa é o que se predica e outra, ben distinta, o que se fai. A Unión Europea ten moitas liñas abertas para promover a creación de emprego e crecemento económico para empresas e industria manufactureira. Tamén xestiona varios programas de apoio en materia de investigación cooperativa e innovación. O sétimo Programa Marco de Investigación e Desenrolo está dotado dun orzamento multimillonario de euros. E o Banco Europeo de Investimentos (BEI) concedéu empréstamos, entre 2008 e 2011, por uns 40.000 millóns de euros.

Pois ben, na concesión deses empréstamos e subvencións, a Unión Europea non establece ningunha cláusula que obrigue ás empresas beneficiarias a inculturizárense nos respectivos países con lingua de seu. Botamos en falta que as empresas beneficiarias respeten os dereitos lingüísticos dos traballadores e consumidores ás que deberían estar obrigadas consonte co espírito da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A presenza en Galicia de multinacionais, nomeadamente no sector da automoción, é lesiva para a nosa lingua ao non respetaren ditas compañías os dereitos amparados polo Tratado internacional, sen que a Unión Europea nin o Goberno español interveñan para facer efectivo o seu cumprimento. Velaí están as normativas legais, tanto europea como estatal, restrinxindo o uso da lingua galega na etiquetaxe.

No que fai ao incumprimento do Estado, velaí temos o caso das empresas da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) radicadas en Galicia coa práctica da non observación da cooficialidade lingüística e as consecuencias xuridicas que se derivan dela.

A Xunta de Galicia tampouco ten establecido criterios racionais de galeguización do tecido empresarial, malia ter xerado o IGAPE actuacións por valor de 15.899 millóns de euros destinadas o desenrolo económico. Abondaría con que as empresas receptoras deses empréstamos e subvencións, nalgúns casos a fondo perdido, fosen obrigadas a fomentar o uso da lingua galega nas relacións laborais, sinalética, telefonía e publicidade e respeto dos dereitos lingüísticos dos consumidores, recoñecidos na correspondente lei autonómica.

En definitiva: consideramos que o fachendoso Comité de Expertos das Linguas Rexionais ou Minoritarias ten fracasado nos obxectivos para os que foi creada.

Velar polo cumprimento da Carta polos Estados asinantes está ben; e que a Unión Europea actúe consecuentemente co expresado nela, tamén.Do contrario, nos tres niveis: europeo, estatal e galego, repítese a desidia. Poñer a raposa a coidar das pitas nunca foi boa solución.

Presidente do Foro E. Peinador. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Irmandade Xurídica Galega, da Asociación Álvaro das Casas, Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros.