• Segue conectado
  • |

Lexislar a prol da Banca.

A deriva pro banqueiros do Estado español ven de lonxe. Xa no 1950 a ditadura aprobaba unha Orde Ministerial redactada polo profesor Joaquín Garrigues (logo incorporada á reforma da Lei de Axuizamento Civil-LAC-) que facultaba a que os Bancos puidesen redactar unilateralmente as liquidacións das contas de crédito e de desconto bancario para reclamalas xudicialmente pola vía executiva.
Na versión reformada da vella LAC de 1984 e na actual Lei do 2000 definiuse un procedemento de execución hipotecaria que impedía, na práctica, que o debedor puidese opór razóns de fondo (como a existencia de cláusulas abusivas ou deficiencias no consentemento outorgado) para parar o procedemento xudicial. Tivo que ser o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) quen declarou a ilegalidade parcial deste proceso executivo e quen definiu a obriga dos xuices estatais a examinar sen pedimento previo a legalidade das cláusulas dos contratos que se executan e de anular as cláusulas abusivas, indemnizando aos prestatarios.
O Goberno Rajoy aprobou un procedemento de resolución da débeda subordinada de NCG Banco, S.A. (hoxe ABANCA) que impuña parcialmente o seu resgate aos aforradores galegos, con perdas de entre o 22 e o 46% do valor nominal de cada obriga subordinada ou participación preferente. Tiveron que ser os Tribunais os que anularan a contratación destes produtos. A vía arbitral galega non incluiu máis aló dun 30% do aforro afectado, ademáis de non garantirlles a devolución dos xuros legais correspondentes.
O Tribunal Supremo, máis permeábel ás presións do Executivo ca os Tribunais de primeira instancia e apelación, decidiu como doutrina legal vencellante que os efectos da nulidade das cláusulas de chan non poderían ir máis atrás desa data, por entender que doutro xeito prexudicaríase gravemente a estabilidade do sistema financeiro. Tivo que ser outravolta o TXUE, na súa recente sentenza, o que declarara que os efectos da nulidade han ser recoñecidos dende cadansúas datas de sinatura dos préstamos hipotecarios, de xeito que o prestatario ha ser reposto na situación que tería de non existir esa cláusula.
Velaí que a constante na historia recente do Estado español fose a tendencia a favorecer á Banca. Só a actuación xudicial e, nomeadamente, a da xustiza europea conseguiu restablecer parcialmente algúns dos dereitos dos consumidores.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 23 Xan 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies