“Lembro as baleas varadas na praia cando era nena”

Luisa Castro | Escritora

-Hai un personaxe que me chamou a atención nos teus poemas, Xenoveva de Brabante. Eu lera a historia de pequeño. Que che aportou este personaxe para reflectilo nos teus poemas?
É como un mito que está aí na miña infancia. Eu pasei de nena nove meses na cama enferma de hepatite. Aí foi cando me transformei nunha lectora de todo tipo de libros, coma os que me traían as miñas compañeiras, moitos da biblioteca do colexio e moitos tiñan que ver con mitos relixiosos, como de feito é Xenoveva de Bravante, ten un toque mítico, histórico, é como a muller que ten que esconderse co seu fillo perseguida por alguén que a quere matar. Eu lera esa historia e logo formou parte dese imaxinario, como Las moradas de Santa Teresa, que tamén lin neses meses ou ver unha serie de TV sobre Leonardo da Vinci. Todo iso agromou cando escribín este libro recuperando a miña memoria de nena e fago un pouco miña esa voz infantil que solta todo tipo de cruces, filmes de romanos, mitos de cristiáns, un maremagnum que se xunta co mito familiar e social. E iso é “Baleas”, unha especie de brainstorming que xurde cando colles a voz da nenez.

-Tamén hai unha personificación na voz dun mariñeiro que fala do ben que lle quere o armador e cando lle fan a risa cando desembarca para ver á súa moza. Foi a túa experiencia de ir buscar, esperar a teu pai ao porto cando chegaba?
É unha historia, unha anécdota que contaba meu pai. Meu pai, se sabes como é ese mundo dos mariñeiros, como todos eles, ten unha especial gracia para contar as cousas. Isto contábao moito, el ía desde Vegadeo ata Foz en bicicleta, non sei porque Vegadeo, porque debían ter bicicletas de aluguer.

-Tamén hai vivencias do colexio de monxas, como se fosen un desafogo, como se quixeses denunciar algo.
Non, o certo é que eu non vexo denuncia, máis ben é un estilo de contar que ten moito que ver coas lecturas e soños e delirios adolescentes coa descuberta do sexo, do outro e do mesmo, as historias que pasaban no colexio entre as rapazas e que tamén pasan entre os rapaces. Todo isto cunha lupa deformante da mesma imaxinación da nena, da voz infantil. Nese libro hai cousas que falan tamén de castigos corporais, é un recordo moi remoto de moi nena. Parte diso ten unha explicación, naquel tempo líamos un libro impresionante, “Historia de Sara T”, un libro impresionante onde contaba como enviaban a unha moza ao reformatorio e comezaba a probar as drogas e todo tipo de cousas. Todo aquilo líamolo con doce anos nun colexio de monxas ao tempo que líamos a Santa Teresa. Hai un cruce de cousas diversas. A denuncia, non, eu non teño este alento de denuncia. Eu pasábao fenomenal do colexio. Estoulles moi agradecida, ademais.

-Logo deste libro non escribiches nada máis en galego. Foi por causa da túa marcha para Madrid, os teus estudos de filoloxía ou teu desenvolvemento profesional?
Si, foi algo que veu así dado. Cando volvín, porque eu volvín vivir en Santiago do 2000 ata o 2012, a miña casa está aquí en Santiago, pero eu xa tiña un lugar literariamente falando, fóra de aquí. A lingua literaria era o castelán, sigo escribindo en galego como as miñas colaboracións en prensa aquí. Hai unha bifurcación.

-Tés pensado escribir algo máis en galego?
Pois non sei, eu fago as cousas así, cando saen, non o fago de maneira premeditada. Fágoo cando teño que facelas.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.