• Segue conectado
  • |

I +D + i + G.

En certa ocasión fun levado a coñecer unha Escola de Negocios dunha entidade financieira. O seu director foime amosando as modernas instalación dotadas de todos os medios tecnolóxicos. Sentíase fachendoso porque cada aula levaba o nome dun coñecido economista. Pregunteille porque non había ningunha dedicada a un galego. Non soubo que contestarme. Pedínlle información sobre os cursos que se impartían na Escola e nos temarios editados cun lustroso deseño non atopei ningunha referencia á historia do pensamento económico galego.

En resúme: os alumnos daquel centro poderán saber moita teoría e mesmo experiencias de planificación económica alén das nosas fronteiras e ao tempo descoñecer as importantes contribucións de coñecidos economistas ao desenvolvemento económico autóctono.

Non é de estrañar que en Galicia os dirixentes empresariais amosen indiferenza polos nosos valores patrimoniais. Esa visión perturbadora denuncíabaa a Revista de Economía de Galicia (REG) que foi unha publicación única, de recoñecido prestixio internacional no panorama económico daqueles anos, polos seus contidos ben escollidos por un consello de dirección de gran solvencia académica e empresarial.

O editoral do primeiro número da REG, editado en 1958, é ilustrativo: “En Galicia non é infrecuente que se contrapoñan os conceptos de economía e cultura. Entendemos por cultura dun país o conxunto de formas dinámicas que articulan a súa vida en canto totalidade complexa. Cada unha desas formas –realidade económica, estrutura política, peculiaridade espiritual, tradición histórica, etc.- configuran a natureza da propia relación economía-cultura que ten que ser de acción recíproca.”

A filosofía da chamada Responsabilidade Social Corporativa ou Empresarial, da que a REG foi precursora, insta a procurar esa vinculación da economía e a cultura. Por iso a publicación rexeitaba por absurda esa contraposición, xa que a investigación económica é unha actividade cultural cuxos resultados inflúen, de maneira esencial, no desenvolvemento da vida económica en canto realidade concreta.

Desa negación do contexto cultural no que se desenvolve a actividade económica e empresarial xorde a desconsideración polo marco xurídico que regulan a cooficialidade lingüística e os dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras e consumidores recollidos na lexislación vixente. Pero aínda hai máis. Os estrategas dos estudos de mercado descoñecen a importancia que ten vincular as súas marcas comerciais coa lingua de oríxe. Todo o contrario do exemplo da ampla oferta de produtos que nos chegan doutros países etiquetados na súa propia lingua e que os consumidores galegos aceptan con naturalidade, como fan noutras latitudes xeográficas cos nosos produtos etiquetados en lingua galega. Porque a súa calidade é o que interesa, e o idioma certifica a autenticidade da súa oríxe.

O sentimento de lealdade cos nosos valores patrimoniais deberá estar sempre presente na xestión empresarial. Pero para que isto ocorra a medio prazo, deben ser os centros universitarios e as escolas de negocios, as que deben mudar os seus currículos incorporando a eles o estudo da nosa realidade cultural e os seus efectos positivos nas estratexias de mercadotecnia e nas potencialidades que ela ten nos recursos humanos. As empresas que asumen esta filosofía teñen mellores contas de resultados e a entusiasta aquiescencia dos seus consumidores. Na historia económica de Galicia xa contamos con bos exemplos dese proceder con exitosos resultados.

Neste camiño de diálogo e reencontro entre a economía e a identidade, no que fai fincapé constantemente o Foro E. Peinador, é de salientar a decisión da dirección da Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo de darlles nomes de emprendedores galeguistas ás súas aulas.


Director da revista Lingua e Dereito. Presidente da Fundación dos premios da Crí­tica de Galicia. Secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixo. Colaborador da Enciclopedia Galega Universal e asesor literario da editorial Ir Indo. Fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüí­stica e da Asociación de xuristas en galego. Fundador da Fundación Galicia Empresa. Ademais, fundador da Fundación Lois Pena Novo.
Publicado o 6 Xul 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies