Gonzalo Caballero pide á Xunta que “interveña” as residencias con cotaxios masivos

O secretario xeral reclama “lealdade” a Feijóo e que recoñeza a relevancia dos 58.000 tests enviados polo goberno para complementar os límites de test PCR que pode facer o sistema galego

Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa “preocupación” polo número de contaxios que se están producindo nas residencias de maiores en Galicia e pediu á Xunta que “interveña” aqueles centros nos que a afectación é “masiva”.

“Seguen chamándonos familiares de usuarios de residencias que non teñen información do que está ocorrendo e traballadores deses centros que están moi preocupados”, manifestou o líder do PSdeG, quen sinalou que xa hai denuncias presentadas por vía xudicial e reclamacións á Valeduría do Pobo.

Caballero demanda á Xunta “protexer os dereitos da cidadanía máis vulnerable”

Neste escenario, Gonzalo Caballero volveu demandar á Xunta “claridade” sobre a situación das residencias e requiriulle que compareza no Parlamento para trasladala. Ademais, solicitou á valedora que “tome medidas para protexer os dereitos” dos internos nas residencias. “É a poboación máis vulnerable e a que ten menos mecanismos para defenderse”, sinalou.

Así o dixo tras destacar que as medidas postas en marcha polo goberno de España como o confinamento e a paralización de actividades económicas están permitindo “baixar o ritmo dos contaxios” entre a poboación xeral. Con todo, o máximo dirixente do PSdeG pediu “non baixar a garda” e chamou á Xunta a “facer todos os esforzos” no eido sanitario.

Tests rápidos 
En paralelo, antes de participar nunha xuntanza telemática coa Comisión Permanente da dirección do PSdeG na que se abordou tamén “a necesaria acción pública para a reconstrución” unha vez superada esta crise sanitaria, Gonzalo Caballero destacou tamén o número de test de diagnóstico rápido enviados polo goberno a Galicia.

“O goberno de España está poñendo toda a capacidade e os recursos dispoñibles na loita contra o coronavirus”, resaltou o líder dos socialistas galegos, quen puxo en valor a remisión ás comunidades dun millón de test de diagnóstico rápido, en liña co que pediran os distintos gobernos autonómicos.

Recordou que o propio Feijóo considerou o pasado domingo na súa comparecencia que era “una buena noticia” ese envío de test. En concreto, Feijóo explicaba que “valen para confirmar os positivos” porque “cuando dan negativo, es necesario confirmarlo con una PCR”, e subliñaba que “de recibir esos 60.000 test, sin duda nos va a facilitar detectar al menos los positivos de forma más rápida”.

Así as cousas, Gonzalo Caballero pediu a Feijóo “non caer en polémicas que non veñen a conto e que non solucionan nada”. “O goberno de España está cumprindo, polo que Feijóo ten que estar á altura das circunstancias”, incidiu, antes de explicar que a tecnoloxía dispoñible no Sergas non permite incrementar o número de PCR nestes momentos.