Francisco Jorquera: ''Os escindidos están a dotar ao PP de argumentos, aínda que non o pretendan''

Francisco Jorquera | Foto: IVÁN LÓPEZ
Moncho Mariño / Raquel Pazos | Francisco Jorquera, candidato do BNG á presidencia da Xunta, analiza nunha entrevista para DIOIVO a situación económica e política do país. “Estamos diante do peor presidente e do peor goberno galego da historia de Galiza”, advirte o nacionalista sobre o mandato de Alberto Núñez Feijóo ao tempo que analiza outras cuestións como a situción de NovaGaliciaBanco, o futuro dos partidos que saíron do Bloque ou incluso o papel da selección española na Eurocopa.
Nestes momentos ve preciso adiantar as eleccións?
Estamos diante dun goberno esgotado, carente de proxecto e de impulso. Sería a única razón que fundamentase un adianto electoral, tendo en conta que o PP ten maioría absoluta no Parlamento galego e así ten resolta a gobernabilidade do país ata final da lexislatura.
Pesarían máis as políticas que se fan en Madrid ou as que se fan aquí sobre ese adianto?
Unha das posibles causas sería que o señor Feijóo chegue á conclusión de que canto máis tarde en convocar maior será o desgaste. Creo que nese desgaste inflúen tanto as políticas estatais como autonómicas. Feijoo presume de ter anticipado en Galiza as políticas de recortes, mesmo políticas que invaden o ámbito competencial autonómico.
Cando poderían ser esas eleccións?
O BNG está preparado para enfrontar ese proceso electoral cando sexa. En tal caso o señor Feijoo é quen ten que tomar a última palabra.
Tanto a nivel galego como estatal estase a ver un desgaste no PSOE e no PP. O BNG tanto nas xerais como nas municipais pasadas, non aproveitou o momento como o puido ter aproveitado IU.
Nas eleccións xerais o BNG sacou uns resultados moito mellores do prognosticado. Concorremos ás eleccións xerais oíndo que o BNG ía perder representatividade, os resultados desmentiron esas profecías. O BNG consolidou a representación electoral que tiña.
Ese desencanto pode levar a un cambio no Parlamento coa entrada de novas forzas políticas?
Desde o comezo da crise puxemos sobre a mesa alternativas que hoxe están no centro do debate político, logo de ser o BNG quen as defendese en solitario. Sobre outras opcións non vou especular. Só constato que o principal argumento que está a utilizar o PP para manter a súa maioría absoluta é proxectar a falsa imaxe de que fronte a eles en Galiza non hai alternativas.
Hai dúas semanas o secretario xeral do PSdeG dicía neste medio que a única alternativa ao PP en Galicia era unha coalición PSdeG – BNG.
Concibimos o acceso ao goberno como unha ferramenta para impulsar iniciativas que teñan en conta os intereses de Galiza e das maiorías sociais. Se os resultados desen un Parlamento que fixese necesario o acordo entre máis dunha forza política, ese sería o momento de falar de posibles acordos.
Sería posible facelo sen a axuda dos escanos do PSdeG?
O momento de falar será despois das eleccións autonómicas. En Asturias o PP fixo unha campaña pensando en gobernar en solitario. Logo tentando facer un goberno tripartito con UPyD e Foro. Nós faremos o propio desde ópticas distintas. Se non hai maiorías absolutas será o momento de falar, sempre cun programa que marque un cambio sobre o feito nos últimos anos.
Despois dos momentos de tensión durante o bipartito, como é agora a relación cos socialistas?
A relación co PSOE é a normal entre dúas forzas políticas con proxectos diferentes. Temos unha interlocución que se manifesta nun maior ou menor grao de acordo dependendo das afinidades nas análises. Un exemplo foi o labor de oposición ao PSOE na pasada lexislatura, co xiro que deu no xeito de enfrontar a crise desde maio de 2009. Se o PSOE asume a necesidade dunha modificación desas políticas, a posibilidade de que esa interlocución resulte vai ser maior. Pero insisto, vai depender da coincidencia nas propostas programáticas.
Cal é a relación do BNG coas forzas saídas do propio partido, como Compromiso por Galiza ou o Novo Proxecto Común?
Houbo unha minoría dentro do BNG que por non aceptar uns acordos adoptados por máis de cinco mil afiliados nunha asemblea, que foi un exemplo de participación democrática, optaron por saír do Bloque e lanzar un novo proxecto político. Nós consideramos que se confunden. Aínda que non o pretendan, introducir elementos de distorsión a respecto do que é o principal, construír unha alternativa real ao PP, é dotar de argumentos aos “populares”. Tomaron esa decisión, respetámola, pero teñen que seguir a folla de ruta que eles escolleron. O tempo quitará ou dará razóns.
Ademais do paro, cales son agora os principais problemas dos galegos?
Hoxe en día as consecuencias da crise son máis agudas en Galiza que no conxunto do Estado, por moito que esta crise teña unha profundidade enorme en todo o territorio estatal. Mesmo os galegos corren o risco de que os seus aforros sexan expatriados, que Galiza quede sen instrumentos financeiros propios. Isto é froito de termos un goberno galego que declinou das súas funcións, incapaz de articular unha resposta aos problemas do país.
Logo,que nota lle poría a Alberto Núñez Feijóo coma presidente?
Non ten un balance de xestión para presentarllo á sociedade galega. A débeda pública incrementouse en máis do dobre que cando el chegou á Xunta. Estamos diante do peor presidente e do peor goberno galego da historia de Galiza.
Vostede pasou varios anos no Congreso, onde cada vez se escoita máis que parte da culpa da débeda vén das autonomías. Pensa que os seguintes recortes virán por aí?
Xa veñen por aí. Hai unha ofensiva centralista para reducir a autonomía política a unha autonomía administrativa para acabar co autogoberno dos pobos do estado. Os datos demostran que é falso que o déficit e a débeda públicos estean concentrados nas comunidades. A porcentaxe de déficit atribuíble ás autonomías é inferior ao gasto que teñen para xestionar. A crise está sendo usada no Estado español e en Europa para ir cara un modelo de maior concentración da riqueza e do poder económico. Un exemplo é o sector financeiro apostando pola hiperconcentración, a privatización e a centralización. Se a aposta que fai a dereita é usar a crise como pretexto para unha maior concentración da riqueza, necesita unha maior concentración do poder político.
Agora que volve de Madrid, cales son as diferenzas que ve entre a política alá e a galega?
A diferenza que vexo é como está sendo aproveitada esta crise económica. Queren desmantelar un estado do benestar que en España tiña un grao de desenvolvemento raquítico. Feijóo chegou á Xunta atacando o idioma galego e logo, nestes tres anos e medio, se non o impedimos, acabará co sector naval ou co sector leiteiro.
Despois da dimisión de Fernández Gayoso en NovaGaliciaBanco, considera que haberá máis consecuencias?
Ten que haber consecuencias cos exdirectivos. Do seu proceder derívanse responsabilidades legais que teñen que ser depuradas. Entendemos que tamén ten que ter consecuencias no plano político.
Que consecuencias?
Vimos reclamando a creación dunha comisión de investigación no Congreso e no Parlamento de Galicia. O señor Feijóo dixo que si, que ía haber unha comisión despois de darlle moitas voltas. Pero aínda está con pretextos para dilatar a súa constitución. O actual goberno galego modificou a lei de caixas de aforros a petición expresa dos directivos das entidades, coa única intención de prorrogaren o seu mandato. Aí temos unha responsabilidade política ao ter modificado unha lei autonómica. O señor Feijoo ten que ser o primeiro que compareza na comisión de investigación que explique ese proceder.
Como explica entón a iniciativa de Facenda para controlar a fundación que saia de NCG?
O goberno galego nunca fixo cando había que facer, anticipándose aos problemas para evitar as consecuencias. É a dimensión do escándalo e a indignación social o que fai que dea pasos que logo contradín a súa práctica anterior.
Que iniciativas levaría adiante o BNG no caso de chegar ao goberno?
Un goberno galego que exerza como tal e que acredite no autogoberno e defenda a súa ampliación. Nós poremos sobre a mesa a necesidade de avanzar cara un modelo que dea a Galiza plena autonomía financeira e fiscal. Un goberno do BNG daría prioridade á creación de instrumentos para o financiamento da nosa economía produtiva, que o aforro dos galegos reverta no desenvolvemento coa creación dun banco público galego.
O secretario xeral do PSdeG nunha entrevista a este medio, sobre un banco público di que co diñeiro desembolsado en NCG, praticamente xa o fai público. Que sería a banca pública segundo o BNG?
En NCG hai unha achega de diñeiro público do FROB, que non se traduce nunha representación pública equivalente nos órganos reitores desa entidade. Falamos dunha entidade con carácter territorial, un banco público galego onde a representación pública a teñan as institucións públicas galegas. Así queremos restablecer o fluxo de capital a todo o tecido produtivo e atender as necesidades da economía galega.
O nacemento dunha banca pública non estaría ameazado pola banca privada?
A min as ameazas da banca privada non é o que me importa. Impórtame o que é útil para a sociedade. Pretenden xogar coa ignoracia. Un exemplo sería unha frase do señor Feijoo, que a banca pública é cousa do pasado. Ve máis moderno darlle 35.000 millóns a Bankia para saneala e logo devolvela ao sector privado. Unha banca pública obrigaría á banca privada corrixir algunhas das súas prácticas.
Aprobado un novo rescate, cal considera que é a posición na que queda Galicia?
O rescate leva maior perda de soberanía bancaria e fiscal. En Galiza terá máis repercusión ao termos menos capacidade de compra e consumo. O estado español deberá cumprir unha serie de condicións estritas que agravarán unhas políticas de axuste que están a deprimir a economía e xerar máis desigualdades. O Eurostat di que España é o estado de menor recadación pública a respecto do PIB. O esforzo fiscal das clases altas en España é ridículo. O volume de fraude fiscal das grandes fortunas e corporacións é escandaloso.
Nos últimos días, os principais temas da actualidade foron a situación financieira e a Eurocopa. Veu o partido do domingo? Apoiaba a España ou Italia?
Eu estaba na Coruña, por tanto sería difícil que os equipos puidesen sentir o meu alento. Gusto do fútbol e creo que a selección española fai un bo xogo. Moléstanme algunhas manifestacións que se fan aproveitando a vitoria da selección. Pero síntome colmado no fútbol co ascenso do Celta, do Depor, do Lugo e Ourense.
Entende que a xente saia á rúa para celebralo coa que está a caer?
En contextos de crise a xente busca fórmulas de escape. E digo isto sen ningún tipo de descualificación.
Despois da elección de Néstor Rego como secretario xeral da UPG, estamos nun novo tempo da UPG e do BNG?
Teño por norma non valorar os procesos internos dos colectivos e forzas que integran o BNG, pois son o candidato do Bloque á presidencia da Xunta. Considero que Néstor Rego ten acreditado ao longo da súa traxectoria política a súa capacidade. Estou convencido que a súa achega ao fortalecemento do BNG vai ser importante como o do resto de colectivos. O novo tempo no BNG márcao o reto de ser a alternativa ás políticas do PP.
Tomado de