Estamos na decadencia democrática.

As cousas foron vindo a menos. Aquela democracia que debía ir emerxendo, foi quedando paralizada en coitas e mentiras. Agora, con esta escasa calidade democrática, calquera cousa é terrorismo de estado e pode suceder un caos. Agora aparece, por vez primeira en corenta anos, o supositorio 155. É a resposta da forza, non da razón. Mágoa coma sempre. En vez de recoñecer as eivas do sistema e tentar reparalo, fixeron un reparto rasante de provincias agrupadas nunha comunidade autónoma, equivalente á rexión de antes, susceptible de acabarse de súpeto mediante o supositorio citado. Alá vai a vontade dun pobo que se queixa do cambio non percibido. A letra sempre distou moito dos feitos e os feitos foron cativos, mesmo roeron a esperanza e a semente, as gañas de ser quen somos estes da periferia, sempre constrinxidos á súa vontade. Pasa así nesta sociedade civil que pouco se gratifica nos logros, pouco feita e que agora rompe polas costuras e non é quen de frear a mesmísima corrupción que se xera dentro dos poderes. Son abusos de sempre, abusos de poder desenfreado, pero que sempre pagamos os mesmos. O pago faise en fames, en recortes de dereitos –anque falen do estado de dereito, este mingua a pasos longos-, con cheques ao portador que nos hipotecan o presente e o futuro. Calquera cousa vale para esquecer, agora ninguén lembra xa os graves asuntos de honestidade e disciplina. Non están activas as posibles xustizas. Pousaron a Gürtel, a Púnica, os Bárcenas, a Lei Mordaza, os recortes laborais, sanitarios e educativos. Quen acorda o Urdangarín, onde andará? Por riba fan burla nos medios e dinnos que xa pasou a crise, que estamos nunha grande recuperación económica e que non esqueceron a ninguén. Están faltos de ollos, tamén de sentimentos e cargados de cinismo. Pobres dos pobres que dormen os fríos entre cartóns e que se roen de fames no medio dos seus insultos. Pero os bancos florean ben, non dan créditos pero retorcen aos usuarios. Deben miles de millóns que, sabemos, xa nunca devolverán. Pagaremos en fames e en privacións mentres xuramos estremecidos nos silencio que nos condena. Precisamos de ira, paciencia hai de abondo!

Por certo, estes mesmos, son os que non quixeron facer caso de aquelas “nacionalidades históricas” ás que habían dan creto e posibilidade de especial coidado e significación, ás que novamente viñeron profanando e deturpando, humillando nas súas limitadas conquistas, sempre no medio das desvantaxes malignas que impoñían deberes fronte a supostos dereitos. Seguiron inxectando complexos de inferioridade, alimento de desamor e desafección polo propio. Roubáronnos a vontade de ser, a cambio da vontade de parecer, e agora co imperativo de non nos recoñecer a nós mesmos. O seu lema foi sempre “atar en curto”, inmobilizando, sometendo con faltas de respecto aos equilibrios: eles sempre por riba, en todo. Por aí rompen as costuras! Hai tres nacións dentro do estado que renxen carentes de espazo para ser, de solvencia, de medios, de xustiza reparadora, de comprensión, de entendemento. Agora volvemos estar controlados, moito e carentes da autoxestión prometida. Era o camiño para ir abrindo outros espazos e saber da Liberdade. Aquilo era mentira, esta é a decadencia democrática. Son culpa dos aznares múltiples, dos multitudinarios filipes reconvertidos ao capital neurótico dos medos. Como quedarían se se pasaran por unha peneira xudicial digna? E se esculcaran a tanto mudo –dos que intencionadamente calan, ou aos politólogos do mambo que ocupan os medios cando sen pudor menten para ocultar aos culpables. Hoxe bailamos todos sobre as brasas do caos, nesta política errada, decimonónica e que se apoia de novo na forza, evitando as liberdades que un día prometeron e todos soñabamos. Mirade ben, a proba está á vista!

Mestre e músico.