Elvira Cienfuegos defenderá unha moción para evitar que a Xunta realice fumigacións aéreas nocivas para o medio ambiente e a saúde

Estes pesticidas supoñen un grave problema de contaminación de acuíferos que abastecen tanto para auga de rego como o sistema de auga potábel
Santiago de Compostela | O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa da concelleira Elvira Cienfuegos, defenderá unha moción no Pleno deste xoves para instar á paralización das fumigacións aéreas con pesticidas de flufenoxuron previstas pola Xunta en toda Galiza.
A concelleira Elvira Cienfuegos explicou que a patronal pasteira “en colaboración coas transnacionais químicas e a connivencia da Xunta de Galiza pretenden fumigar mediante medios aéreos cun produto altamente tóxico chamado flufenoxuron os eucaliptais galegos afectados pola praga do gorgullo”.
Apicultura, espazos naturais e acuíferos afectados
Estes pesticidas sistémicos están detrás da progresiva desaparición das abellas galegas. Nos lugares onde máis se usan estes pesticidas desapareceron até o 80% das colmeas e nestes últimos anos desapareceu máis do 50% da cabana apícola galega. “Isto convértese nun grave problema a nivel mundial xa que as abellas e especies achegadas cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas silvestres que participan no mantemento da biodiversidade, e de moitas outras das que se alimenta o ser humano”, explicou a concelleira.
A fumigación con medios aéreos provoca que até o 60% destes pesticidas dispersados caian fóra do seu obxectivo e se expandan a quilómetros de distancia do punto de fumigación. Deste xeito, “o pesticida pode chegar a espazos naturais e afectar especies protexidas, a fincas veciñas con cultivos estragando, de existir, a produción ecolóxica e ademais as zonas habitadas debido á gran dispersión da poboación galega”, sinalou.
Estes pesticidas tamén supoñen un grave problema de contaminación de acuíferos que abastecen tanto para auga de rego como o sistema de auga potábel, co risco que entraña para a saúde das persoas.
Fumigacións aéreas prohibidas en Europa
As fumigacións aéreas quedaron suprimidas pola Directiva 2009/128/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009, pola que se estabelece o marco da actuación comunitaria para acadar un uso sustentábel dos praguicidas que estabelece a súa prohibición cando a loita contra unha praga forestal poida substituírse por outros medios desde terra. Esta normativa debería ser de aplicación polos países membros antes do 14 de decembro de 2011.
Ademais disto, debe tomarse en consideración que o produto empregado, o flufenoxuron, é un insecticida que se atopa en período de moratoria e vai desaparecer do mercado polos efectos nocivos que ten sobre a saúde e o medio, tal como estabelece directivas europeas desde 1991, e que teñen de prazo até o 31 de decembro deste ano para ser retiradas totalmente as súas existencias de circulación.