Dereitos cidadáns, dereitos do galego.

Cadernos da viaxe.
Coñecida de todos é o grave devalo e desprotección da lingua galega no noso País. Polo que cómpre pensarmos máis en solucións, canto menos parciais.
Un dos problemas fulcrais da lingua é a desigualdade xurídica a respecto do castelàn. É dicir, iso de que vostede e máis eu teñamos que coñecer o castelán e xuices, médicos ou directores do Ikea poden dicir aquilo de que non entenden o galego. Esta desigualdade constitúe unha grave chata para garantir a plenitude dos dereitos lingúísticos, un xeito de promoción indirecta de iniciativas tan pouco democráticas como as de Galicia Bilingüe ou Hablamos español e require,xa que logo, dunha reforma constitucional e estatutaria “ad hoc”. É de xustiza.

Mentres, os usuarios do galego habemos revindicar, con sorriso e cordialidade, si, mais ferreñamente os nosos dereitos lingúísticos como cidadáns, consumidores, profesionais e traballadores.

Como cidadáns e usuarios dos servizos públicos habemos esixir ser informados en galego nos concellos, no SERGAS, nas Axencias Tributarias e na Seguridade Social e denunciar mediática, xudicial administrativamente calquera violación dos nosos dereitos lingüísticos. Esixir na escola pública- e concertada- galega e nas escolas infantís o uso do galego como lingua vehicular, coordinando accións de concienciación e reivindicación dende os níveis do barrio, na vila e na parroquia.

Como profesionais entender o importante para normalizarmos a lingua da nosa escolla. Hai semanas rexeitei o requirimento dunha avogada de fóra de Galicia a que traducira unha demanda ao castelán. E esta actitude foi avaliada positivamente polo conxunto dos profesionais da xustiza, mesmo cando moitos non usan o galego. No nível laboral cómpre garantir que os traballadores teñan dereito real a usar a súa lingua en toda circunstancia, lembrando que calquera sanción, discriminación ou despedimento por razón de escolla lingúística é nulo de pleno Dereito.

Como consumidores cómpre esixir o uso da nsoa lingua nos comercios, proveedores de servizos, Bancos e empresas. E usar da soberanía do consumidor. Se Abanca ou R son merecentes dos nosos prácemes polo seu uso da lingua, o Santander ou Ikea haberían recebir o castigo do seu desleixo para coa mesma.

Bó sería asumir como obxectivo para todos o de usar a nosa lingua en todas as circunstancias da vida cotián, agás na relación con outros países e territorios e cos turistas e viaxeiros. Mais xa sei que somos humanos. Fagan todas as excepcións que sexa mester, pero non esquezan tal obxectivo como regra xeral.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.