De ruta por Arbo

Paisaxe de biñedos con historia entre as ribeiras do Miño e as montañas do Paradanta.

En 1327, o mosteiro de Melón afora a Johan Eannes o Casal do Rial en Aravo, a cambio de darlle cada ano ao mosteiro “ a metade do pan da eira e do viño en lagar e a terza do liño” e cando o abade de Melón fose á igrexa de Aravo teñen que darlle “ un almude de viño e dez pans brancos”, así como o deber de facer un lagar nos tres anos seguintes ( a antiga medida do almude equivalía a 12 canadas ou 48 cuartillos, entre os 16 e os 26 litros).
A obriga de plantar viña é unha das cláusulas que recolle unha escritura de 1243 na que Johannes Iohanis recibe do abade do convento de Fiaes ( Melgaço) certo campo de cultivo en Sela, no lugar de Maliagrilos, coa condición de que “ o plante todo de boas viñas antes da vindeira festividade de San Xoán e a cultive axeitadamente e a coide e sempre conserve alí as viñas…”.

Cultivábase viño branco e tinto, porén sobre as castes de videiras e tipos de uvas existen aínda poucos datos desta etapa. Nun texto do século XV faise referencia á presenza da uva caíña na ribeira miñota: “…tres tallos de viña cayña no chouso que chaman reguengo…” ( sentenza executoria contra Martín Pereyra sobre os bens que o mosteiro de Tomiño posuía en Portugal. 1465).

Logo da extensión do espazo cultivado e de multiplicarse a poboación nos séculos XVI, XVII e XVIII do Antigo Réxime, as parroquias de Santa María de Arbo, San Xoán de Barcela, Santa María de Sela, San Sebastián de Cabeiras, San Ciristovo de Mourentán e San Miguel de Cequeliños, ofrecían no 1752 ( catastro de Ensenada), 3.150 ferrados de viña plantada que viñan orixinando 3.195 moios de viño ou 255.600 azumes ( uns 552.096 litros). O azume tiña a capacidade de dous litros e dezaseis mililitros ( catro cuartillos ou catro netos), mentres o moio contiña oito cabazos ou aproximadamente cento vinteoito litros. Un azume de viño tiña na segunda metade do século XVIII un prezo de 17 marabedís.A parroquia de Santa María de Arbo, en concreto, posuía entón un 12,5 por cento de terra cultivada adicada a viñas.

Tal coma recollen os documentos da época, os ferrados ou cavaduras de viña plantada esixían un traballo especializado e laborioso en terreos situados nos arredores e na cabeceira da herdade , mentres que o espazo central do campo de labradío adicábase a plantar fanegas, celemíns e ferrados de millo, centeo e trigo.As viñas debían estar ben coidadas e aderezadas: “…ciertos caseros qque tienen casales de la dicha encomienda son obligados a cavar, podar y vendimiar hasta coger las uvas y echarlas a el lagar y traer la dicha viña como cosa suya y aderezada muy bien y el vino que della se tiene, lo lleva el comendador de la dicha encomienda…”( Apeiros da Encomenda de San Xoán de Mourentán. 1551-1663).

Os estudos centrados no XIX subliñan como elemento relevante de Arbo e parroquias a produción agrícola vinícola favorecida polo medio ao contar con terreos de boa calidade e fértiles, con riqueza de mananciais, regueiros e levadas, bos montes e un clima templado,” san e ben ventilado”. As operacións comerciais consisten principalmente na “ exportación de viño e froitos para dentro e fóra do reino” ( diccionario Madoz.1845).
Neste século xa dispoñemos dunha información concreta das variedades de cepas tradicionais e autóctonas destacando a biodiversidade existente de vitis, así como a superficie ocupada polas videiras tintas que era ben máis extensa que á adicada ás brancas. Nas cepas tintas cultivábase o brancellao ( albarello, uva negra..), o caíño, a tinta femia, o noval, o espadeiro,pica el polo,…e nas brancas a treixadura, torrantés, albariño, verdello ou parpal.. ( Xavier Castro. A rosa do viño.Cultura do viño en Galicia.2010).

A aparición dos andazos do oídio, o mildeu e a filoxera nas últimas décadas do XIX provocará en parte a substitución destas videiras por variedades americanas máis resistentes ( novos portainxertos e híbridos directos) e os primeiros tratamentos de axofrados e sulfataduras ( o sulfato de cobre ou bordelés mediante os pulverizadores Vermorell que facilitaba a deputación de Pontevedra). Na provincia de Pontevedra, a filoxera comezou a propagarse a partir de 1899 pola comarca de Salvaterra partindo de Portugal e en 1906 detéctase no concello veciño de Crecente. É a época da aparición de castes foráneas descoñecidas ata entón: a garnacha, o Jacquez e o Gran Negro nas tintas e o xerez palomino nas brancas. Punto de partida tamén para o xurdir dos viveiristas , sobre todo na zona da Vrea Arriba na parroquia de Santa María de Arbo.