Concurso de Ideas para a Reordenación da Fronte Fluvial de Tui

Haberá un premio de 18.000€ e dous accésit de 8.500€ e 3.500€

Tui | Na mañá de hoxe presentouse no Concello de Tui o Concurso de Ideas para a Reordenación da Fronte Fluvial. Estiveron no acto o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, xunto a Antonio Davila, Manuel Martínez e Simón Pereiro da delegación en Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia.

Os proxectos que se presenten ao concurso serán valorados en función de 4 criterios cunha puntuación total de 100: un máximo de 35 pola calidade da proposta con respecto á adecuación co entorno e sustentabilidade, 25 por viabilidade económica, 20 atendendo a criterios de mobilidade e accesibilidade e 20 de integración urbana entre o río e a cidade. O ámbito de actuación do proxecto engloba dende a Ponte Internacional até os Xardíns de Troncoso.

Establécese un premio dotado con 18.000€ e dous accésit de 8.500€ e 3.500€. O xurado que valorará os proxecto estará formado por un representante da Confederación Hidrográfica, da Demarcación de Costas de Pontevedra, das Consellerías de Cultura e de Medio Ambiente e Urbanismo da Xunta de Galicia e un técnico, enxeñeiro ou arquitecto, designado pola Deputación de Pontevedra. Ademáis haberá dous enxeñeiros ou arquitectos designados polo Concello de Tui e dous representantes do colexio de arquitectos e o de enxeñeiros de camiños, canles e portos.

Os interesados terán de prazo para presentar os seus proxecto 45 días naturais a partir do día seguinte da publicación das bases no perfil do contratante na plataforma do estado , que se producirá a finais desta semana o na próxima.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, destacou o río como un dos activos máis importantes de Tui, polo que é unha boa idea “ter moitos profesionais que coñezan de urbanismo e a organización do espazo que aporten as súas ideas a Tui e ó diálogo do río co conxunto histórico”.