O Concello de Ourense mobilizará 4 millóns de euros en obras de rehabilitación

Grazas á subvención de 1.384.000 euros para as catro Áreas de Rehabilitación Integral da cidade

Ourense | O Concello mobilizará 4 millóns de euros en obras de rehabilitación grazas á subvención de 1.384.000 euros para as catro Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) da cidade. Estas zonas delimitadas son Seixalbo, Casco histórico, Polvorín-Camelias-A Carballeira e Serra San Mamede-Cruceiro Quebrado-A Inmaculada. Poderán beneficiarse das axudas os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazadas no ámbito das ARI que as rehabiliten.

No pleno extraordinario urxente aprobouse cos votos a favor de PP, DO e PSOE (e a abstención de OUeC) asinar os convenios de colaboración entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello de Ourense en materia de actuacións nos ARRU do Casco histórico de Ourense (15ª fase), ARRU do NIE de Seixalbo (10ª fase), ARRU do Polvorín, Camelias e Carballeira (4ª fase), e ARRU de Serra San Mamede, Cruceiro Quebrado e Inmaculada (2ª fase).

Dos 1.383.739,19 euros destinados para as ARRU da cidade, o Concello de Ourense aportará 18.571,40 euros (4.642,85 euros por cada un dos convenios).

“Estamos a falar de melloras substancias en accesibilidade, aillamento e mellora de fachadas, entre outras obras que se poden acoller a esta liña de axudas, fundamentais para mellorar as condicións de habitabilidade de centos de familias na nosa cidade”, sinalou o alcalde, Jesús Vázquez.