Carne de Leviatán, Chus Pato (Galaxia, 2013)

Chus Pato retoma neste libro algúns dos motivos característicos da súa poética. As referencias mitolóxicas, sexan estas pagás ou relixiosas, póñense de novo ao servizo da reflexión metalingüística; da indagación sobre a función que os signos materializados nas linguas desempeñan na construción do ser humano e no establecemento da súa personalidade. Se cambiamos os posesivos, é fácil chegar, como é habitual na autora, a repensar a función da nosa lingua no asentamento da nosa identidade.

Para constituír corpo precísanse vísceras. Tamén voz, ollos, tacto cos que apañar realidades. Pero é dentro da fronteira da pel onde a percepción devén significado. Coñecer os mecanismos do pensamento abstracto e o papel que a linguaxe ten como catalizador de saber e, polo tanto, de “ser”, ten aínda a forza do mistérico e do mito, como explorar as dobras da natureza, as faíscas do que queda oculto, os recunchos do labirinto e o espello que non se deixan escribir.
As fronteiras corporais reprodúcense tamén na linguaxe. Existe un dentro e fóra nas palabras. A carne é materia apetecible e as letras, o arabesco, amosan o feitizo da estética e a constatación de que o símbolo é posible. Son o espello da metáfora. A alma das palabras, dos nomes sobre todo, teñen o poder da invención. Nomear é crear e ler é traducir. Por iso cada achega lingüística, e o poema tamén, é un pequeno fracaso, unha aproximación sempre frustrada á cerna. Incluso as escrituras sagradas; cada texto é interpretación sesgada, de aí a importancia das figuras das tradutoras e as vedoiras, en feminino porque as xéneses parten das mulleres, que teñen que conformarse con encher os recipientes dos termos, a vacuidade dos deícticos. Nesta concepción orgánica da lingua, a Carne de leviatán aséntase en substancia volátil ante o que só queda recoñecer que non somos máis ca reflexos.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.