Carlos Méixome: "agardamos que o nacionalismo recupere a hexemonía social que tivo noutro momentos"

Carlos Méixome Quinteiro (Lalín, 1954). Licenciado en Filosofía e Ciencias de Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Militante nacionalista desde os primeiros anos setenta, participando activamente na organización estudantil ERGA. Participou na creación do BNG, formando parte do primeiro Consello Nacional elixido na asemblea de Riazor. Durante a década dos oitenta desenvolveu a súa actividade política no BNG na cidade de Vigo, onde residía. Dende hai doce anos desenvolve unha intensa actividade cultural no Val Miñor.
Preocupouse por cuestións internacionais e ten publicado, en colaboración, traballos sobre Cuba, Rusia e a Ex Iugoslavia). Realizou publicacións sobre a historia contemporánea de Galicia e o nacionalismo galego. Nos últimos anos dedicoulle especial interese ao estudo da persecución franquista no Val Miñor e no sur da provincia de Pontevedra.
Formou parte do anterior Consello Nacional do BNG e da lista encabezada por X.M. Beiras na última Asemblea Nacional. Forma parte da Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño.
Amigo Carlos, ti que representas aí no Val Miñor a un grupo importante de nacionalistas de pro, como ves o momento que estamos a vivir neste eido?
Son tempos de axitación. Máis non é cousa posterior á asemblea de Amio. Isto ven de atrás. Dende asemblea do 2001 houbo un deterioro paulatino do proxecto de Riazor que se agravou na de 2009. En tempos convulsos prefiro a mudanza e non facer caso da máxima xesuítica. Por iso algúns que levabamos anos nun segundo nivel agora coidamos que hai que arriscar e procurar novos camiños para o nacionalismo de esquerdas.
Na última asamblea do BNG houbo dúas frozas, ou plataformas, enfrontadas, dalgún xeito, que conseguiron o que Beiras chamou un empate técnico. Cres que a gañadora oficial administrou ben a súa victoria ou debeu ser maís “política” nas relacións coa outra plataforma?
A novidade na asemblea de Amio non foi tanto que houbese dúas candidaturas. Noutras xa as houbera, mesmo na de 2009, tres. O problema foi que nesta ocasión non houbo unha única tese política e ademais a aprobada é unha tese excluínte, de parte, que deixa fora a algunhas das culturas políticas integradas no BNG dende a asemblea de Riazor ou incorporadas con posterioridade.
Estanse a producir cada día movementos internos e externos dentro do BNG, como cres que afecta isto para futuras confrontacións electorais?
Adiviñar o futuro só o fan os que despois dos feitos din ¡iso xa o dicía eu! Así que non podo adiviñar o que vai pasar. O que si coido é que agora temos que iniciar un proxecto político nacionalista, co corazón na esquerda, diferente e que ten que concorrer aos procesos electorais inmediatos. Dito isto coido que non son equiparables os procesos. Unha cousa é a construción do novo proxecto que vai necesitar moito dialogo e tempo e outra é a concorrencia a unhas eleccións. Son procesos que deberían ir en paralelo, pero con ritmos diferentes. O importante é o novo instrumento político pero sen deixar de atender as eleccións.
Aí no Val Miñor, cal é a posición dese grupo do que ti formas parte?
No Val Miñor, como noutras partes do país, o debate está aberto. Hai que agardar un tempo xa que distintas organizacións, partidos, grupos, colectivos están en procesos de decisión internas. Queremos abandonar o vello e construír o novo colectivamente. Iso faise a ritmos distintos. Con todo, coido que hai unha sensibilidade maioritaria que está no camiño dun novo proxecto común. Eu mesmo aínda non abandonei o BNG, fareino cando o decidan colectivamente os compañeiros e compañeiras do Val Miñor.
Estas de acordo en que os cargos políticos que se van do BNG deberan entregar as actas ou pensas que poderian rematar a legislatura cun pacto de acción común como moitos propoñen?
Dende o EI propuxemos unha separación en boa avinza. Este chamamento non foi escoitado, mesmo foi desprezado, pola executiva do BNG. O normal sería que se entendese que isto é unha escisión, que unha parte abandona e a outra debería estar aberta a ese diálogo para non reproducir nas institucións as desavinzas internas. Hai formulas diferentes e en política sempre hai solucións, xa que dependen da vontade. O único que se dixo foi que abandonásemos e entregásemos as actas. Respectado todas as decisións persoais, coido que é absolutamente lexitimo que haxa quen non entregue as actas. Isto é unha escisión política e vai reflectirse nas institucións. Mesmo temos que considerar que onde se están a presentar os problemas, e os que van vir, é nos concellos, nos que os candidatos teñen unha especial importancia. Coido que non se ten porque renunciar ás actas e tense que procurar un entendemento para unha acción común. Diga o que diga a executiva do BNG.
Logo destas lirotas, como ves o futuro inmediato e a curto prazo do nacuionalismo galego de esquerdas?
É evidente que o futuro é incerto. O único certo é que o BNG leva dez anos de continuos retrocesos electorais e, o máis preocupante, de perda de apoios sociais, de perda de credibilidade, de perda da confianza que nel depositaran moitos sectores que noutros momento o tiveron como referencia. Hai que reaccionar e moitos agardamos ser quen de recuperar apoios e aumentalos e que o nacionalismo recupere a hexemonía social que tivo noutro momentos e que se está a manifestar, entre outros moitos aspectos, no retroceso no uso e na perda de prestixio do noso idioma.