Cambios no Bus Urbán de Mos pola crise do COVID-19

Suspéndese a ruta amarela que fusionaba as lanzadeiras azul e verde, ao diminuír os viaxeiros que se dirixen ao Centro de Saúde e ao Instituto

Mos | O Concello de Mos, dentro das medidas preventivas pola crise do COVID-19, reduce os servizos do Transporte Urbán Municipal, anulando a ruta fusionada das lanzadeiras azul e verde (ruta amarela) ao diminuír os viaxeiros que se dirixen ao Centro de Saúde e ao Instituto.

As lanzadeiras azul e verde continúan coas mesmas rutas e frecuencias para que a veciñanza poida acudir aos supermercados a facer a compra

Esta ruta fusionada saía ás 07.15 horas de Herville, percorrendo a práctica totalidade do municipio para chegar a Puxeiros ás 08.01 horas e ás 08.08 horas ao IES de Mos. En horario de tarde saía ás 14.15 horas do Instituto e chegaba ao Centro de Saúde ás 15.30 horas. Ademais os luns laborables de tarde había un servizo ás 18.00 horas para a saída do alumnado do IES.

Ante calquera dúbida os usuarios do servizo poden poñerse en contacto co departamento de Mobilidade do Concello de Mos no teléfono 986 33 94 04

Esta medida ven a cumprir o decretado pola orde TMA/273/2020 de 23 de marzo, pola que o Goberno de España dicta instruccións sobre a reducción dos servizos de transporte de viaxeiros establecendo un recorte do 70% dos servizos regulares de transporte de viaxeiros por estrada, tal é o caso do Transporte Urbán Municipal de Mos.