• Segue conectado
  • |

O BNG demanda que se amplíe o programa de axudas europeas para recuperar o emprego no sector téxtil

Ana Miranda denuncia o retraso no cobro das indemnizacións ás traballadoras despedidas

Xuntanza do textil en Ordes.

Bruxelas/BNG | A portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, defende a ampliación do programa para o mantemento do emprego no sector do téxtil na comarca de Ordes que o Parlamento Europeo votará a vindeira semana en Bruxelas. Segundo Miranda, o feito de que o desemprego aumentara un 40% no sector da confección nesta zona, afectando especialmente a mulleres de idade comprendida entre os 30 e 54 anos, demostra que é imprescindible un plan dirixido especificamente a este colectivo que busque a súa recuperación e que se axilicen as indemnizacións polos despedimentos.

“Non é de recibo que o goberno do PP primeiro deslocalice as empresa e que logo destine recursos tan limitados do Fondo Europeo de Adaptación a la Globalización”, subliña Ana Miranda, para quen “é difícil facer fronte a perda de 500 postos de traballo nos últimos catro anos cos 720.000 euros que contempla o proxecto da Comisión”.

Neste sentido, considera que a proposta tampouco vai ao fondo dos problemas reais das empresas de confección, en especial as do grupo Deus, que non confeccionan marca propia, senón que eran subcontratas de marcas téxtiles que actualmente continúan coa súa actividade.
Así, lembra que acometeron os despedimentos colectivos e posteriormente entraron en concurso de acredores para proceder ao seu peche definitivo pola súa incapacidade de facerlle fronte a débeda salarial que superaba os 8 millóns de euros debido aos sucesivos impagos de cotas de seguridade social.

No tocante a empresa de confeccións Viriato, esta empresa chegou a acumular unha débeda superior aos 11 millóns de euros pese as axudas recibidas da xunta a través do IGAPE, a última das cales foi en setembro do 2015, despois de acometer un ERE que afectou a 40 traballadoras. Outro exemplo desta situación refírese á empresa Caramelo, que obtivo unha axuda de 5 millóns de euros en febreiro do 2010 despois de ter aprobado un ERE en agosto do 2009 que supuxo o despedimento de 237 traballadoras.

Por outro lado, a portavoz do Bloque en Bruxelas lamenta que o proxecto da Comisión Europea non atenda á situación das traballadoras despedidas. Ao respecto apunta que as 40 persoas despedidas mediante un ERE en xullo do 2015 pola mercantil Viriato aínda teñen procesos de reclamación no xulgado do social de A Coruña porque a mercantil incumpriu a súa obriga de pagar o convenio especial coa seguridade social das persoas incluídas no ERE con máis de 55 anos.

“Esta situación prexudica considerablemente a futura xubilación das persoas afectadas”, denuncia Miranda, quen sinala que o persoal despedido de Viriato en xaneiro do 2017 cobrou o importe de indemnización por despido a través do FOGASA, toda vez que a empresa tampouco cumpriu coa obriga de pago.

Ademais, as traballadoras despedidas en abril do 2017 do grupo Deus se atopan a día de hoxe inmersas nun proceso xudicial de reclamación de salarios pendentes de cobro (6 mensualidades) e tamén de reclamación de indemnizacións.

Publicado o 27 Feb 2018 en Política, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies