A Asociación Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño e MicroBank subscriben un convenio para incentivar o autoemprego

Este convenio de colaboración facilitará o acceso ao financiamento de emprendedores para contribuír á posta en marcha de novos negocios

MAIV baixo miño

Tomiño | A presidenta da Asociación Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño, Sandra González, e o director da área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, Ígor das Heras, asinaron un convenio de colaboración para facilitar o financiamento de proxectos empresariais a través de microcréditos.

Coa firma deste acordo establécese unha liña de financiamento de 1 millón de euros. Os beneficiarios serán persoas físicas e microempresas, con menos de dez traballadores e unha facturación anual inferior a dous millóns de euros.

Os solicitantes poderán optar a microcréditos por un importe máximo de ata 25.000 euros (cun límite do 95% do investimento). Os proxectos deberán contar cun plan de empresa e o informe favorable de viabilidade elaborado pola Asociación Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño.

O criterio de concesión de microcréditos por parte de MicroBank atende fundamentalmente á confianza na persoa ou no equipo que solicita o préstamo e tamén á viabilidade do proxecto, podendo acceder persoas carentes de garantías e avais.

En virtude deste convenio, a Asociación Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño comprométese a detectar as necesidades de financiamento, dirixidas a promover o autoemprego e ao establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas e negocios de autónomos, así como a facilitar servizos de apoio e asesoramento empresarial, analizar a viabilidade do proxecto e dirixir ás persoas físicas ou xurídicas asesoradas pola asociación a MicroBank para que este analice, e no seu caso aprobe, as solicitudes de financiamento.

A Asociación Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño é unha asociación sen ánimo de lucro que se constitúe coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento do territorio de actuación. A AGDR 14 MAIV – Baixo Miño está formada polos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tui e Tomiño.

MicroBank, o banco social especializado en microfinanzas participado integramente por CaixaBank, é o único banco en España dedicado exclusivamente ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. A entidade foi pioneira no seu modelo de negocio e continúa sendo a que máis recursos destina ao financiamento de proxectos a través de microcréditos. O banco ofrece microcréditos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas; e microcréditos persoais e familiares, que teñen como obxectivo atender necesidades que permitan superar unha dificultade temporal e faciliten o desenvolvemento persoal e familiar.

Durante o exercicio de 2016, MicroBank concedeu en Galicia un total de 641 préstamos destinados a autónomos, emprendedores e microempresas por un importe de 6,9 millóns de euros. Para financiar proxectos persoais e familiares, o banco achegou 21,5 millóns de euros a 4.136 iniciativas.