As ‘Horas de Compostela’ enchen de versos de Salvador García-Bodaño o Día da Poesía

A Real Academia Galega rendeulle homenaxe ao poeta e académico cun recital no que escritores de distintas xeración lles puxeron voz aos seus versos. A parte musical correu a cargo de Miro Casabella

A Coruña | Salvador García-Bodaño naceu en Vigo (Teis, 1935), pero foi en Santiago onde construíu o seu canto. O espazo vital e literario que marcou o poeta e académico achegouse este serán ata outra ourela na homenaxe que a Real Academia Galega lle rendeu na Coruña co gallo do Día da Poesía. Baixo o título Horas de Compostela, a institución celebrou a quen, “como poucos, soubo erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”. Son palabras do académico de honra Arcadio López-Casanova, compañeiro da chamada xeración das Festas Minervais xurdida “naqueles anos escuros” de finais dos 50, e autor da laudatio coa que arrincou o acto. Poetas de distintas xeracións puxéronlles voz aos versos do homenaxeado e Miro Casabella recitounos, como leva décadas facendo, convertidos en cancións. Todas as contribucións están recollidas na plaquette editada para a ocasión coa que se agasallou o público, dispoñible en versión dixital nesta ligazón.

Víctor F. Freixanes: “Compostela é a nación de Salvador; o espazo sentimental, emocional, histórico, sobre o que o poeta constrúe o seu discurso e se constrúe a si mesmo, espello de Galicia enteira, fiestra que se abre ao mundo e nos universaliza”

“É difícil separar a voz do poeta do territorio simbólico da cidade. O título desta celebración, homenaxe e festa da poesía, evoca inevitablemente o espazo que Salvador García-Bodaño habita dende a primeira infancia, malia nacer á beira do mar, pois ao longo da súa vida aquí foi construído o seu canto, que é tamén a súa experiencia, memoria propia e memoria dos seus”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, nas palabras de benvida.

“Compostela do corazón de da memoria (…). Compostela é a nación de Salvador; o espazo sentimental, emocional, histórico, sobre o que o poeta constrúe o seu discurso e se constrúe a si mesmo, espello de Galicia enteira, fiestra que se abre ao mundo e nos universaliza”, concluíu.

“Compostela é unha rúa longa / na memoria / onde vagan os nomes / e as horas / que cada quen recorda…”, recitaba pouco despois a académica Luz Pozo Garza, que escolleu este poema polo “afán soñador de comparar vida e arte”. A mesma composición soou en forma de canción na voz de Miro Casabella, quen interpretou tamén “Se vas a Compostela” e “Adeus”.

Arcadio López-Casanova: “Como poucos, Salvador García-Bodaño soubo erguer a voz e, en tempos ben miserentos, facer do canto un abeiro liberador, autentificador”

A poeta e música Andrea Porto foi a encargada de conducir a homenaxe. O serán avanzou entre os versos escolmados e comentados para a ocasión por Dores Tembrás, Xulio López Valcárcel, Alba Cid, Baldo Ramos e os membros da RAG Xosé Luís Franco Grande, Margarita Ledo Andión, Helena Villar Janeiro, Darío Xohán Cabana, Marilar Aleixandre e a propia Luz Pozo Garza. Páxinas de Ao pé de cada hora (1967), Tempo de Compostela (1978), Obra poética (1993), Pegadas no alcatrán (1994), Cidade virtual (2003), Cantos de ausencia. Elexías (1959 -2002) e a achega de Salvador García-Bodaño a Poetas con Rosalía I (2006), boa mostra todas elas da evolución de quen é unha das figuras máis destacadas da súa xeración. Porque o poeta “foi elaborando devagariño un corpus poético de rigorosa unidade e matizada evolución”, rexido sempre por dous principios: “a fidelidade ao seu modo, que non á moda fugaz; e a relevancia dada, por riba de todo, á razón estética da palabra creadora”, recorda Arcadio López-Casanova na loanza, que foi lida no seu nome por Marilar Aleixandre.

O acto foise achegando á fin coa intervención do director da Sección de Literatura da RAG, Xesús Alonso Montero, unha análise doutro poema de Salvador García-Bodaño dedicado á autora fundacional das letras galegas contemporáneas, “A Rosalía de Castro, campesiña na eternidade”, publicado en Tempo de Compostela, pero escrito con anterioridade, polo menos en 1971, cando foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos. “Salvador García-Bodaño, como outros poetas do seu tempo, achégase a Rosalía non só como devoto da súa obra poética, senón en demanda de respostas cívicas”, salientou.

Biografía creativa
Salvador García-Bodaño deuse a coñecer como membro da xeración das Festas Minervais, certame recuperado no Santiago dos anos 50 no que foi galardoado en distintas ocasións, e confirmouse como un dos poetas máis valiosos dela coa publicación do seu primeiro libro, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967). Neste volume, singular no seu momento, conflúen xa o galeguismo e o existencialismo, dúas correntes fundamentais na súa formación intelectual que marcarán a súa traxectoria; e rexen tamén dous dos seus eixes: o amor á terra, á Galicia que dá nome ao poema que abre o libro, e retratada tamén a través de versos de homenaxe aos distintos escritores; e o amor feminino, expresado dun xeito moi persoal. O intimismo marca tanto a súa poesía do amor como a poesía civil, en contraste coa poesía social predominante nos seus anos de mocidade.

En 1978 saíu do prelo o seu seguinte título, Tempo de Compostela, merecedor do Premio da Crítica de Poesía Galega. Nestas páxinas a protagonista é o seu terceiro obxecto de atención poética, o seu espazo vital por excelencia: a cidade de Santiago. A urbe é aquí retratada cun alento entre lírico e épico absolutamente novidosos na literatura dedicada á localidade, advertía Carlos Casares na resposta que lle deu a Salvador García-Bodaño no discurso de ingreso na Real Academia Galega (1992), Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá, outra homenaxe á cidade que fixo súa.

Santiago de Compostela é tamén o escenario da súa principal incursión na narrativa, Os misterios de Monsieur D’Allier (Galaxia, 1992) Premio da Crítica Española de narración en lingua galega en 1993. Ese mesmo ano, a súa poesía publicada ata o momento aparece recompilada en Obra poética (Espiral Maior) e un ano despois sae do prelo a plaquette Pegadas no alcatrán (Café Central), un retrato crítico da decadencia da vida nas cidades que avanzaba a modernidade poética acadada en Cidade virtual (Biblos, 2003).

Xunto a outros títulos individuais, a obra do autor complétase con numerosas contribucións a volumes colectivos e unha intensa produción como articulista na prensa, que continúa na actualidade cunha columna dominical en El Correo Gallego. Cómpre sinalar ademais o seu labor como tradutor, vertendo ao galego títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), centrado nas páxinas dedicadas a Galicia polo escritor George Borrow no seu The Bible in Spain (1843).

O académico desenvolveu tamén desde moi novo un intenso activismo cultural. Foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo, do Instituto Galego da Información, do PEN Club de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, entre outras entidades.