• Segue conectado
  • |

A arte floral inspira ao estudio gañador do concurso de renovación da Praza de Bugallal

Será un espazo máis amable con elementos vexetais e unha plataforma sen desniveis que priorice a seguridade dos peóns

Ponteareas | O estudio de arquitectura Abalo Alonso Arquitectos gaña o concurso para realizar o proxecto de renovación da Praza de Bugallal. Cunha proposta que volve ás orixes da praza e que atopou a súa inspiración na simboloxía das alfombras florais, os arquitectos Elisabeth Abalo e Gonzalo Alonso serán os encargados de realizar o deseño da renovación desta céntrica praza.

“O primeiro que fixemos foi afondas nas orixes rescatando fotos antigas e analizando a importancia da arte floral e das alfombras. Iso foi a nosa inspiración, acadar algo en sintonía coa forma e os significado dos pétalos das flores”, Elisabeth Abalo.

Segundo explican, buscarán un espazo máis flexible e amable de líñas suaves que permita a circulación pero priorizando a seguridade e o movemento dos peóns.

Os arquitectos Abalo/Alonso consideran que o deseño actual facilita o funcionamento da praza case como o dunha rotonda de tráfico co coche como protagonista e propoñen unha serie de actuacións encamiñadas a reducir o impacto do vehículo sobre o peón.

Tendo en conta as conclusións do estudo de mobilidade municipal, haberá máis vexetación que contribuirá a reducir o impacto acústico da circulación e xerará un entorno máis saudable favorecendo a relación co medio ambiente.

A praza será dos peóns e reducirase a velocidade do tráfico para garantir a seguridade, o entorno da praza e da igrexa de San Miguel terá carácter preferentemente peoníl pero non estará pechada ao tráfico.

As áreas de estancias levaránse aos bordes da praza con bancos e grandes xardiñeiras con formas de pétalos que teñan sempre presente as alfombras florais deixando no centro un grande espazo libre no que se poida seguir desenvolvendo as actividades lúdico-culturais e comerciantes existentes.

O pavimento será de formigón lavado unificándose co pavimento de pedra existente e facilitando os encontros coas rúas adxacentes. O deseño elexido facilita a resolucuión de accesibilidade en todo o ámbito xa que non depende de peldaños nin desniveis nas diferentes zonas.

Árbores e xardiñeiras nos laterais da praza e nas rúas do entorno configurarán un espazo verde e un roteiro polo que pasear baixo especies de folla caduca, reservando as árbores de folla perenne para as zonas de bancos.

Iluminación en altura e rasante completan este proxecto que propoñen executar en dúas fases, unha primeira coa praza e as seguintes xuntas ou por separado afectaría ás zonas aledañas.

Con máis de vinte anos de experiencia, o estudio de arquitectura Abalo Alonso foi o responsable de distintos proxectos en espazos públicos como as hortas de Caramoniña en Santiago de Compostela no 2015, a reurbanización da praza de San Clemente no 2011 ou Ribadeo Accesible. Tamén recibiron premios como o Premio europeo de intervención no patrimonio histórico, categoría espazo público, otorgado por Aadipa, Barcelona 2017 ou o primeiro premio Espacios Públicos Sostenibles, coa participación, entre outros organismos, do Consello Superior de Arquitectos, Madrid 2016, o Premio XIII Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, Granada 2016.

A idea presentada será o borrador de inicio co que se comezará a traballar en conxunto cos colectivos sociais e representantes dos grupos da Corporación introducindo as modificacións precisas para que a obra realizada se axeite ao 100% ás necesidades e usos deste emprazamento que marcará a liña estética a seguir no futuro de Ponteareas.

Cun orzamento de máis de 600.000€ (proxecto de obra, direción de obra e execución) a mellora da Praza Bugallal realizarase con cargo aos Fondos FEDER da Unión Europea enmarcada na estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable”.

O goberno de Ponteareas agradece aos cinco estudios participantes o seu traballo e a súa resposta aportando proxectos de calidade para un espazo que conforma o eixo central do núcleo urbano.

O estudio SCP, Cendón Vázquez Arquitectos, quedou en segundo lugar.

Outros premios de Abalo Alonso:

Reurbanización da Praza de San Clemente, Santiago de Compostela 2011.
“Menzione d¨Onore”. Premio Gubbio, Milano, Italia. 2015
Seleccionada XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, 2014
Premio Nacional Ciudades Patrimonio, outorgado polo Ministerio de Cultura en 2010, conxuntamente con outra serie de proxectos no casco histórico de Santiago.
A cidade intuida. Santiago de Compostela 2010.
Premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia de Investigación, ao proxecto realizado conxuntamente con outra serie de estudios de arquitectos en 2011.
Primeiro premio “Rigenerazione urbana e sostenibilitá”, organizado polo Consello Nacional de Arquitectos, Urbanistas e Paisaxistas de Italia. Bologna. Italia 2013

Publicado o 22 Feb 2018 en Ponteareas, Urbanismo.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies