Abertas as inscricións para acudir á manifestación en defensa da sanidade pública do 9 de febreiro

As persoas interesadas xa se poden anotar no 986 610 000(Alcaldía).

A Guarda | O pleno aprobou a posta a disposición de autobuses para asistir a manifestación convocada o día 9 de febreiro en defensa da sanidade pública.

Despois da aprobación por parte da corporación guardesa no pleno celebrado o venres 31 de xaneiro, o Concello da Guarda porá autobuses a disposición da cidadanía para asistir á manifestación.

Dende este luns todos os veciños e veciñas interesados en asistir a dita concentración, poden acudir á Alcaldía ou chamar ao 986610000(Alcaldía) para reservar á súa praza para o autocar que os levará a Santiago de Compostela na mañá deste domingo día 9 de febreiro. Queda habilitado deste xeito un rexistro único para coordinar a asistencia a esta manifestación.

A saída dende A Guarda está marcada para as 9:30h da mañá dende a parada do autocar da Rúa Rosalía de Castro(Centro Cultural).

Un importante número de veciños e veciñas da Guarda levan concentrándose cada xoves dende fai medes no centro de saúde da localidade demandando a mellora na atención sanitaria.

Na actualidade hai deficiencias motivadas, principalmente, pola falla de cobertura de prazas, o que provoca unha sobrecarga nas consultas ou incluso a anulación de citas. Dende A Guarda tamén se ven reclamando dende fai anos un segundo equipo para o servizo de urxencias.

O servizo de atención sanitaria na Guarda, tanto as consultas ordinarias como as urxencias, é deficiente. Este problema vese agravado polo illamento que sofre a Vila. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui.