A por eles que xa son nosos!

Algúns diredes que xa tivemos gobernos de esquerdas; eu diría (utilizando a linguaxe xurídica) supostamente de esquerdas. Felipe González gobernou durante 16 anos, creo, que tamén gobernou Rodríguez Zapatero socialista, ao parecer. Si, é verdadse que gozaron da Moncloa. Pero, gobernaron como se espera dunha forza política chamada socialista? Hoxe ninguén cre semellante afirmación.

No caso de Felipe González, considerado nestes momentos un mestre da política, permitíronlle ofrecernos tímidos acenos dun goberno socialista, pero meterlle o dente aos poderes económicos franquistas, non se atreveu. É máis, aínda os favoreceu nalgúns casos pasando as empresas estatais rendibles ao sector privado, quedándose coas que ninguén quería porque non daban beneficios.

Cando Felipe González gañou, por primeira vez, un coñecido meu, franquista de pro, díxome algo que agora entendo con toda claridade: “Felipe fíxose co goberno, veremos se é quen de facerse coa Administración e co mundo dos negocios”

Tiña razón. Ningún gobernante socialista e tampouco de dereitas foi quen de meter en cintura aos que se aproveitaron deste País nos tempos de Franco e seguen muxindo a vaca no momento actual.

Vaiase Sr. González!! ¡¡Váyase, Sr, González!! Repetía unha e outra vez Aznar no congreso cando era deputado e Felipe Presidente do Goberno. Efectivamente, Felipe foise, ou o botaron (lembren aquela guerra a morte con Pedro J. Ramírez director do xornal “Diario 16”. Felipe conseguiu que o botaran da dirección do xornal pero este sacou á rúa outro novo “El Mundo”. Como acabou aquela guerra xa é historia).

Chegou Aznar, entregou ao sector privado as restantes empresas que aínda quedaban en mans do Estado. Fixo caixa, baixou a prima de risco e a débeda do Estado e quedou coma un excelente gobernante. Ata nos levou a unha guerra para desoxidar as armas do noso exército que levaban moitos anos sen ser usadas de verdade. Hoxe os seus cachorros réndenlle tributo de admiración.

As que nos tocou vivir nesta pel de touro ( así como aos nosos antepasados) temos que cargar coa mesma cruz: aquí ou goberna a dereita conservadora, explotadora, antidemocrática, ou nada temos que facer. Os socialistas que estiveron no Poder sábeno ben. Foron alumnos destacados, pero disciplinados, que deixaron alto o pavillón dun País en Paz (ou en paciencia) que resulta admirado polos da entorna.

Voltemos á Constitución que nos oprime.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»