A maior institución académica de EE.UU. recoñece ao galego

A Modern Language Association, a corporación académica que fixa o estándar de investigación no ámbito das linguas, literaturas e culturas aproba un capítulo para a lingua propia de Galicia.
· O 13 de novembro de 2014 a Modern Language Association (MLA), a través da súa Directora Executiva, Rosemary G. Feal, fixo pública a aprobación definitiva do Foro Galician Language, Literature and Culture (LLC) no seo da súa organización, destacando así mesmo que “the creation of a forum on Galician studies represents an important addition to the MLA forum structure”. Con esta decisión, a lingua, literatura e cultura galegas intégranse no organigrama da MLA, en pé de igualdade coas demais linguas, literaturas e culturas do mundo, listada por cuestións alfabéticas entre French e German.

Culmínase deste xeito un proceso iniciado en maio de 2013 coa posta en marcha dunha campaña a gran escala destinada a conseguir apoios para a creación deste foro na Modern Language Association, a maior corporación académica do mundo, en particular no ámbito das linguas, literaturas e culturas. Nos Estados Unidos e Canadá, MLA establece estándares para a investigación, organiza un congreso anual de tódalas disciplinas dentro do campo das linguas, literaturas e culturas, fornece os recursos para realizar entrevistas de traballo neses mesmos eidos e, en xeral, é aceptada como a corporación que valida e recoñece os estándares académicos neste país e en boa medida internacionalmente.

Como organización de referencia en linguas, literaturas e culturas do mundo que é MLA, a creación dun foro de calquera cultura, lingua e literatura adicional recoñecida pola Asociación precisa dun rigoroso, exhaustivo e protocolizado proceso que debe pasar diversas e moi esixentes instancias e filtros burocráticos, académicos e organizativos, entre as cales as máis importantes son a División de programas da MLA, o Consello Executivo e a Presidencia da organización, antes de poder ser emitido o ditame favorable que permite crear ese novo foro. Previamente, un número substancial de socios (profesores e investigadores) da MLA deben solicita-la súa aprobación. O foro MLA Galician Studies foi nesta revisión de programas realizada no bienio 2013-14, con diferenza, o que máis adhesións recibiu de tódolos solicitados (e algún dos cales foi denegado).

De MLA formaban xa parte as principais linguas do mundo, e tamén un grupo selecto de linguas, culturas e literaturas minorizadas entre as que se encontran a catalá, a escocesa ou a yiddish, entre outras.

A lingua, literatura e cultura galegas entran así a formar parte deste exclusivo clube mundial como resultado, primeiro dunha campaña apoiada por máis de 300 profesores e investigadores de todo o mundo, na súa maioría pertencentes a universidades norteamericanas, pero tamén doutros países de fala inglesa, e mesmo de Galicia, Portugal, Brasil, España, Arxentina, etc. En pode verse No documento asinado por centos de persoas que foi enviado a MLA en maio de 2013.

Entre o outono de 2013 e xuño de 2014 produciuse asemade a reestruturación de MLA e ó longo dese proceso conseguiuse o apoio adicional de múltiples profesores e investigadores a través da rede interna de socios da organización MLA, sobre todo en EEUU e Canadá.

O Comité Executivo proposto, e agora aceptado por MLA, constituído por socios da mesma e que foron tamén autores da proposta, está formado por: Kirsty Hooper (Univ. Warwick, UK), Eugenia Romero (Ohio State University, USA), Obdulia Castro (Regis College, USA) e Gabriel Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee, USA). Na elaboración da proposta participou igualmente Benita Sampedro (Universidade Hofstra, USA), José María Rodríguez García (Duke University, USA) e Miguel González Abellás (Universidade Washburn, USA).

A partir do 13 de novembro, data en que se recibiu a carta da Directora Executiva a MLA, a lingua, literatura e cultura galegas forman parte xa da asociación con plenos dereitos.

Con todo, a primeira edición do Congreso Anual da MLA en que se celebrarán sesións regulares sobre estudos galegos chegará en xaneiro de 2016 (en Austin, Texas), onde dúas sesións serán dedicadas á nosa lingua, literatura e cultura.

(Tomado de Galicia Confidencial.com)